Patricia Otero lembrou que foi o ministro Planas quen “abandeirou o rexeitamento” ao veto das artes de fondo en 87 zonas e que o Estado xa presentou en xullo un recurso “no que alega que non se valoraron axeitadamente os efectos socioeconómicos nin o principio de sustentabilidade integral”
A deputada do PSdeG recriminoulle ao Partido Popular que “leva anos pescando no mar dos bulos e as mentiras”, tratando de endosarlle ao Executivo central a responsabilidade dunha posible rebaixa do Fempa, cando a maioría de comisarios, incluído o de Pesca, son da súa familia política: “Teñen moito traballo que facer cos seus colegas”
A deputada socialista Patricia Otero defendeu esta tarde no pleno do Congreso a actuación do Goberno central en favor da pesca, especialmente no tocante ao veto ás artes de fondo en 87 zonas por parte de Bruxelas e á rebaixa de fondos europeos que contempla o novo Marco Financeiro Plurianual.
Respecto da prohibición, a parlamentaria do PSdeG recordou, durante o debate dunha iniciativa do Grupo Mixo, que foi o ministro Planas quen “abandeirou o rexeitamento a esa decisión ante as institucións comunitarias, ao que se sumaron posteriormente outros estados membros”. E, tal como subliñou, o Estado “cumpriu o seu compromiso co sector pesqueiro español, e co galego, de presentar un recurso contra a decisión da Comisión” e da posterior sentenza do Tribunal Xeral que a avalou. Nel “alega que non se valoraron axeitadamente os efectos socioeconómicos nin o principio de sustentabilidade integral”, explicou.
Otero lamentou que, pola contra, a Xunta de Galicia e o PP se limitasen en tanto a “enganar ao sector”. Mentres o Estado presentou o antedito recurso o pasado xullo, o Goberno galego segue sen cumprir o seu compromiso de actuar na mesma liña. Aínda anunciou onte a súa “intención” de sumarse a ese contencioso, ao tempo que intenta “traspasar ao Goberno de España a responsabilidade dunha posible rebaixa das dotacións da PAC e do Fempa” (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura) en lugar de actuar de xeito coordinado na defensa da pesca.
“Levan anos pescando no mar dos bulos e das mentiras”, lamentou a deputada do PSdeG, que lles lembrou aos populares a súa maioría na Comisión Europea que está a impulsar medidas tan lesivas para a pesca galega e española. “Teñen moito traballo que facer cos seus colegas europeos”, advertiulle á bancada do Grupo Popular.
Ao fío diso, Patricia Otero tamén criticou a actitude de Rueda durante a súa última visita capital comunitaria. “Foi defender un mellor reparto dos fondos da PAC e do Fempa? Pois non. A Bruxelas foi, pero nada de esixirlles aos seus compañeiros a reversión da proposta de recorte dos fondos pesqueiros e agrícolas que afectan a Galicia”, denunciou.