

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, preguntaralle ao presidente da Xunta na sesión de control do próximo Pleno do Parlamento sobre as políticas do goberno galego dirixidas a garantir co cumprimento dos principios de autonomía local, igualdade e suficiencia financeira. Así o fixou a viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, na Xunta de Portavoces que acordou a orde do día do Pleno da próxima semana.
Tamén poñerán o acento nas políticas de igualdade de xénero cunha pregunta urxente para reclamar unha estratexia educativa dirixida a previr a desinformación e os discursos de odio por razón de xénero, co obxectivo último de combater o crecemento perigoso dos discursos antifeministas entre a mocidade.
En paralelo a esta iniciativa presentarán unha proposición non de Lei para que o goberno galego impulse unha avaliación exhaustiva das diferenzas de sexo nas excedencias e reducións de xornada por coidados, e a raíz deste informe poña en marcha un conxunto de medidas concretas para reducir o sesgo de xénero nas excedencias e reducións de xornada por coidados.
En materia de Política Social, defenderán unha moción para reclamarlle ao goberno galego un Plan de choque para reducir á metade as listas de espera da Dependencia, e garantir que ningunha persoa teña que agardar máis de tres meses para recibir unha prestación recoñecida.
Tamén reclaman o reforzo estrutural do Servizo de Axuda no Fogar dende o goberno galego, co incremento da achega de fondos do goberno galego aos concellos e impulsando a profesionalización e a mellora das condicións laborais das traballadoras do sector.
Unha vez máis levarán ao Pleno do Parlamento un dos principais problemas dos galegos e das galegas, como é a vivenda, a través dunha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que complemente o programa do bono alugueiro con fondos propios para garantir a cobertura do cen por cen das solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos.
Os socialistas galegos esixen que non se repitan feitos esperpénticos como hai dous anos, cando a mala xestión da Xunta provocou esperas de máis dun ano para solicitantes aos que finalmente lles chegou á casa a notificación da denegación da axuda que tiña que xestionar o goberno galego.
Finalmente, incluirán dúas preguntas orais sobre o incumprimento dos compromisos e acordos adquiridos na fusión dos concellos de Oza e Cesuras e sobre o estado lamentable das instalacións do CEIP Xunqueira I, de Pontevedra.