Este recordatorio chega despois de que hoxe un diario dixital galego alertase de que a Xunta ocultou máis de 400 incendios só no que vai de agosto
Despois de coñecerse a través dun medio dixital galego que máis de 400 incendios non foron comunicados oficialmente neste mes de agosto, o PSdeG lembra que xa desde o primeiro día desta vaga de lumes advertiu da necesidade de información clara e puntual “porque salva vidas”.
A portavoz socialista de política forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, sinalou que “non é unha reclamación nova nin improvisada: levamos días insistindo en que a cidadanía ten dereito a coñecer en tempo real que estradas están pechadas, que aldeas foron evacuadas ou que zonas seguen en risco”.
Ademais, Rodríguez Dacosta dixo que o Grupo Socialista xa presentou preguntas por escrito no Parlamento solicitando explicacións, ás que aínda non houbo resposta. “O silencio non axuda. O que axuda é a transparencia, porque reduce a incerteza e dá confianza ás familias que viven momentos de angustia”, apuntou.
O Grupo Socialista reitera que a Xunta debería comparecer a diario para trasladar a información que manexa o Cecopi e os técnicos, sempre co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e protexer o territorio.
Dacosta lembra que “desde o primeiro día dixémolo con claridade: a información salva vidas. E a cidadanía merece que o seu Goberno lla dea con rigor e sen retrasos”, sinalou Rodríguez Dacosta.