
Silvia Longueira critica a negativa do PP a aportar máis fondos para rematar o epistolario completo de Otero Pedrayo
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, lamentou o voto en contra do PP á proposta que presentou hoxe na Comisión de Cultura do Parlamento para reclamarlle á Xunta que garanta os fondos necesarios para que o Consello da Cultura Galega poida pagar aos expertos que elaboran os informes e documentos de análise.
A responsable socialista dixo que esta negativa amosa a intención manifesta do PP e o goberno galego de condenar á cultura galega á inanición, negándolle ao CCG un financiamento imprescindible tanto para o desenvolvemento dos traballos do ente como para completar o epistolario completo de Otero Pedrayo coincidindo co ano dedicado ao intelectual galeguista.
Longueira preguntou “cantos de nós estariamos dispostos a vir ao Parlamento a traballar sen que nos pagasen”, e acusou ao PP e ao goberno galego de condenar ao CCG a afrontar o seu traballo “dende o voluntariado e a bonhomía dos expertos e colaboradores”. Explicou que son “profesionais reputados e coñecedores que non perciben emolumentos polo seu coñecemento” porque a Xunta “non entende que a produción cultural debe levar aparellada investigación e divulgación”.
Apelou á “responsabilidade” dos xestores políticos, que teñen o papel e a responsabilidade de “construír un corpus de coñecemento para favorecer a investigación e a análise, como se estivéramos falando da investigación en química fundamental”. Dixo que é “unha mágoa” que n PP “non saiban facelo” ao tempo que “desbotan unha oportunidade como a do ano Otero Pedrayo”.
Longueira pedía unha partida específica para afrontar a dixitalización completa do epistolario deste persoeiro con motivo da celebración da súa efeméride no ano 2026, así como para despregar traballos de investigación que outorguen coñecemento e divulgación á súa obra. Lembrou o seu papel -non exento de críticas, como un dos grandes construtores do pensamento galeguista moderno dende unha perspectiva humanista, fondamente europeísta e democrática.