Patricia Iglesias aféalle que anuncien un “minitramo” de 5,5 quilómetros entre Baio e Calo – Pasarela no Concello de Vimianzo que non teñen dobre vía nin calendario de execución
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias criticou que a conselleira de Obras Públicas evitara hoxe comprometerse a construír os 31 quilómetros que aínda faltan para rematar a autovía da Costa da Morte ata Cee. Iglesias presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento que foi seguida dende o Parlamento polos alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas da comarca e o secretario provincial, Bernardo Fernández, que levarán esta demanda aos concellos da Costa da Morte e ao Pleno da Deputación Provincial.
Iglesias afeoulle á Xunta que logo de 9 anos despois da inauguración do tramo ata Zas, no que Feijóo anunciara como presidente que tiñan preparado o proxecto da vía ata Camariñas, hai dúas semanas anuncien un tramo de apenas 5,5 quilómetros entre Baio e Calo – Pasarela, no Concello de Vimianzo. Ademais este tramo carece de “conexión real co prometido”, que non é autovía porque non ten dobre vía, e ademais tampouco, e non iniciaron a licitación do proxecto.
Criticou os 9 anos de “promesas baleiras” por parte do goberno galego, nos que “deixaron esquecida unha comarca enteira” para chegar a 2025 e ver como intentan “confundir á xente afirmando falsamente que o tramo chega ata Camariñas”, cando a realidade é que non pasa de Vimianzo. Os representantes do PSdeG da comarca puntualizaron logo do debate que o goberno galego ten “abandonado” o proxecto de autovía no que xa fixeron expropiacións e movementos de terras.
Patricia Iglesias subliñou que a Costa da Morte “non é unha bisbarra de segunda” e reivindicou unha autovía “plena” nas mesmas condicións que no resto de Galicia porque o novo anuncio supón “un retroceso” na infraestrutura e, dixo, “nin sequera teñen a valentía de dicirlle á xente que non chega ata Camariñas”. Afeoulle á conselleira que atribúa o investimento de 170 millóns de euros na estrada ao PP cando “é un investimento pagado cos impostos de tódolos galegos e galegas”.
Iglesias acusou á conselleira de “castigar” aos gobernos socialistas da Costa da Morte e reclamoulle ao goberno galego que cumpra co proxecto deseñado “con ADN socialista polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, que Feijóo parou e prometeu facer hai 9 anos”. Esixiulle ademais que libere a peaxe do treito Carballo – A Coruña ou “como mínimo aplicar bonificacións do 75 por cento para usuarios recorrentes como fai o Estado coa AP-9.