

Paloma Castro alerta que sen esta materia “deixamos á mocidade exposta a aprender sobre relacións a través da desinformación, da pornografía ou de discursos de odio nas redes”
A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta a combater os bulos con educación en igualdade e axenda feminista. Castro presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento con motivo da próxima celebración do Día da Muller para reclamar unha estratexia integral fronte ao espallamento dos discursos antifeministas entre a mocidade ata o punto de que 2 de cada 3 mozos din rexeitar o feminismo.
Castro esixiulle ao goberno galego que tome un papel activo no exercicio das súas competencias en educación e igualdade e cumpra co acordo parlamentario aprobado por unanimidade hai dous anos para incluír a educación afectivo – sexual no ensino público. Advertiu que sen esta educación “deixamos á mocidade exposta a aprender sobre relacións a través da desinformación, da pornografía ou de discursos de odio nas redes”.
Alertou de que a proliferación de contidos falsos e manipulados nas redes están a constituír unha “ameaza real para a igualdade entre os homes e as mulleres”, construíndo discursos que “prexudican á imaxe das mulleres, cuestionan o feminismo e banalizan ou negan a violencia de xénero. Ademais, a falta de desmentidos e a viralidade das redes sociais permiten a creación de “ciberguetos antifeministas” a favor duns discursos con cada vez máis eco entre a mocidade.
Sinalou que “non chega con desmentir”, senón que reclamou unha estratexia integral que, ademais de implantar a educación afectivo – sexual, actúe a prol da educación e alfabetización mediática, garanta formación para profesorado e familias no uso responsable das redes e implante campañas públicas de sensibilización especialmente nos espazos dixitais.
A parlamentaria socialista defendeu unha educación en igualdade e ensinar a construír relacións “baseadas no respecto, no consentimento, na empatía e na corresponsabilidade”. Deste xeito, dota de ferramentas aos nenos e nenas para comprender que a igualdade “non é unha ameaza, é un dereito”, que poidan identificar comportamentos de control, violencia ou discriminación, romper estereotipos de xénero ou cuestionar os bulos antes de compartilos.
Advertiu que “se non defendemos a igualdade hoxe, mañá teremos que explicar por que retrocedemos”, e presentou datos para contrastar con realidade e rigor fronte a percepcións subxectivas, como a fenda salarial do 16 por cento en Galicia ou que o 83 por cento das mulleres teñan medo ao volver a casa solas pola noite.