

Silvia Longueira desmonta o argumento do custe económico da oficialidade: 44 millóns de euros supoñen “unha migalla” nun orzamento de 180.000 millóns da UE e tería un retorno de entre 185 e 260 millóns de euros no PIB galego
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira esixiulle hoxe ao conselleiro de Cultura que apoie o recoñecemento do galego como lingua oficial na UE. Longueira presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que desmontou o argumento do custe económico ao que se aferra o PP: suporía un custe económico de 44 millóns de euros anuais para a UE e un retorno de entre 165 e 260 millóns para o PIB galego.
Longueira sinalou que suporía unha “migalla” nos 180.000 millóns de euros de orzamento da UE, que si financia a oficialidade de linguas como o irlandés gaélico ou o maltés, linguas con “menos falantes pero máis dignidade institucional” que o galego. Criticou que “non queren pagar o prezo político de recoñecer que Galicia é máis que unha provincia obediente de España” e comparou este custe cos 20 millóns de euros que a Xunta gasta cada ano en publicidade institucional.
Resumiu polo tanto que “non é só unha cuestión de dignidade ou identidade, senón tamén de intelixencia económica” que suporía entre 25 e 40 millóns de euros por aumento da proxección internacional e prestixio. Tamén suporía arredor de 100 millóns anuais polo impulso á industria cultural e editorial, , entre 300 e 500 empregos cualificados novos de tradutores, intérpretes e funcionarios galegofalantes e un impacto de entre 10 e 20 millóns de euros anuais.
Ademais, sinalou o efecto identitario e de cohesión social, engadindo a posibilidade de reverter parte da emigración xuvenil cualificada se esta vai acompañada de políticas de innovación e emprego en galego. Criticou o argumento do PP que revela “complexos e submisión” dun PP que “prefire manter o galego doméstico, discreto e inofensivo, un galego de escaparate, non de poder”.
Silvia Longueira criticou que o PP que aprobou en Galicia unha proposición non de Lei para reclamar a cooficialidade do galego na UE é o mesmo que en Bruxelas está a bloquear este acordo para acadar a oficialidade da lingua. Criticou o argumento do “custe elevado” da medida, que en realidade suporía “menos do 0,03 por cento do total do orzamento comunitario e que abriría as portas dunha comunidade de 250 millóns de falantes lusófonos en todo o mundo.
Concluíu que o custe de facer o galego lingua oficial “é ínfimo” comparado co “valor simbólico, cultural e económico” que supón “recoñecer Galicia como parte activa de Europa, darlle dignidade institucional á nosa lingua e abrir oportunidades no espazo lusófono e na tradución internacional”.