Paloma Castro nomea a Ángeles Vázquez “conselleira de Jara y Sedal” logo da vaga de lumes na que “só apareceu para anunciar axudas para a caza”
O eurodeputado Nicolás González Casares carga contra a “ignorancia medioambiental” de Rueda e critica a desprotección das zonas protexidas por unha conselleira de Medio Ambiente só preocupada de planificar “chiringuitos riquiños”
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao PP e ao goberno galego “altura de miras” para sumarse ao Pacto Climático. A responsable socialista compareceu xunto co europarlamentario Nicolás González Casares para presentar a acción institucional coordinada no Parlamento de Galicia e a eurocámara para esixirlle ao PP que “deixe de facer Greenwashing” -lavado de imaxe verde- e comezar a tomar decisións efectivas contra o cambio climático.
Castro renomeou hoxe a Ángeles Vázquez conselleira “de Jara y Sedal” -en alusión ao programa clásico de televisión de caza e pesca- logo de manterse desaparecida na peor vaga de lumes do século, que este verán afectou gravemente a espazos protexidos de Galicia. Castro criticou que mentres ardían o Macizo Central de Ourense ou Pena Trevinca a conselleira só compareceu para anunciar axudas aos cazadores.
Criticou a política de “greenwashing” do PP, que se refire ás declaracións “para a galería”, a favor das políticas medioambientais que nunca van acompañadas de accións efectivas. Neste sentido, lembrou que aínda non cumpriron a Resolución que eles mesmos presentaron e aprobaron no Debate do Estado da Autonomía de 2019 para declarar a Emerxencia Climática en Galicia, e emprazou a aprobar un “recoñecemento oficial da crise climática como emerxencia real e urxente”.
A responsable socialista levará ao Pleno da próxima semana unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que se adhira ao Pacto Climático, que poña en marcha políticas transversais de redución de gases contaminantes e impulse tecnoloxías que permitan a descarbonización.
Sinalou que “a estas alturas ninguén con sentido común pode defender que o patrón dos incendios non cambiou” e advertiu que de non tomar medidas “estarán demostrando que eles tamén son prisioneiros do negacionismo radical que promulga a ultradereita”.
Retrucou que máis que refuxio medioambiental, como di a conselleira, Galicia é “refuxio dos incumprimentos dos obxectivos climáticos ou medioambientais”, e por iso está no vagón de cola da política ambiental e é das comunidades autónomas con menos Rede Natura do Estado.
González Casares
O europarlamentario galego Nicolás González Casares anunciou que lle preguntará á Comisión Europea polo incumprimento da Directiva Hábitats por parte do goberno galego na xestión da Rede Natura, que foi gravemente afectada polos incendios forestais deste verán. Cargou contra a “incompetencia e ignorancia medioambiental” de Alfonso Rueda, que dixo que só arderan “rochas” e lembroulle que “rochas é o que quedou” logo dos incendios.
Censurou a “falla de transparencia e escurantismo” da Xunta nos incendios deste verán, que afectaron aos espazos de máis valor medioambiental, como o Macizo Central. González Casares levará á Comisión Europea unha iniciativa para que presente os datos de Copérnicus e diga cal era a superficie queimada en Pena Trevinca o 18 de agosto, cando “de repente apareceron 3.000 hectáreas queimadas” que o goberno galego “agochou”.
O europarlamentario galego dixo que estes son os resultados de “40 anos de clientelismo” na xestión dos espazos naturais galego, cunha conselleira que “en lugar de estar onde ten que estar” na defensa das zonas protexidas, dedícase á “planificación de chiringuitos riquiños”. Esixiulle que retire a campaña “Galicia refuxio climático” cando este territorio tamén está a verse seriamente afectado polo cambio climático, como demostrou a vaga de lumes.
Explicou que o Pleno do Europarlamento da próxima semana incluirá un debate sobre a vaga de lumes que afectou ao sur de Europa, tamén a Francia e Grecia, e alertou de que precisamente o recorte da PAC impulsado pola PP que domina a Comisión Europea suporá tamén a redución de fondos para o mantemento de camiños e desbroces” que prevén os incendios foresais.