A deputada Elena Espinosa acusou a Gómez Caamaño de escoller os temas “que lle resultan cómodos” e advertiulle de que “se saímos á rúa, ningún cidadán vai dicir que temos un problema de saúde pública: van dicir que non teñen cita no centro de saúde ou que os mandan operar a Vigo dende Ourense”
Denunciou a hipocrisía do Partido Popular: “Os maiores negacionistas das vacinas son compañeiros seus en moitos gobernos autonómicos e municipais, e vostedes calan”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que “abandone a autocompracencia” e afronte de vez os problemas reais do sistema sanitario galego: “Non nos vai convencer. A realidade está aí, calquera de nós está vivindo situacións que non aparecen en ningunha lista de espera, con meses de demora para unha proba ou unha consulta”.
Nunha comparecencia centrada no calendario de vacinación, Espinosa acusou ao conselleiro de escoller os temas “que lle resultan cómodos” e advertiulle de que “se saímos á rúa, ningún cidadán vai dicir que temos un problema de saúde pública: van dicir que non teñen cita no centro de saúde ou que os mandan operar a Vigo dende Ourense”.
A portavoz socialista recoñeceu os avances na vacinación, mais advertiu que “Galicia tivo épocas nas que as familias ían con neveiras a Portugal para vacinar aos seus fillos”, e que “a desconfianza segue aí”. Por iso, reclamou un compromiso real fronte aos novos retos: “A desinformación e a propaganda antivacinas socavan a confianza e poden provocar brotes de enfermidades. Está pasando, e en España os casos de sarampelo multiplicáronse por nove o ano pasado”.
Neste contexto, denunciou a hipocrisía do PP: “Os maiores negacionistas das vacinas son compañeiros seus en moitos gobernos autonómicos e municipais, e vostede cala”. Espinosa tamén esixiu máis campañas de sensibilización: “Non abonda cun carteliño. Hai que explicar o que significan as vacinas, baixar ás realidades e implicar á sociedade”.
A socialista puxo en evidencia os datos: “Estamos ao 100% na gripe, pero só ao 35% no neumococo e ao 30% no herpes zóster. Hai moito por facer”. E preguntou directamente ao conselleiro: “Que pensa facer para combater a reticencia á vacinación en todos os recunchos de Galicia?”.
Espinosa reclamou a posta en marcha inmediata do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermedades, anunciado reiteradamente polo PP: “Non aparece por ningún lado, nin no organigrama da consellería. Prometérono para o primeiro semestre de 2024. Onde está?”.
A parlamentaria do PSdeG advertiu tamén sobre a planificación sanitaria no verán: “Todos os anos retiran unha ambulancia de Vilagarcía para levala a Sanxenxo. Avísolle con tempo: planifiquen, porque están deixando sen cobertura unha ampla zona da provincia de Pontevedra”.
E rematou insistindo nas prioridades dos galegos e das galegas: “A saúde pública vai moito máis alá da vacinación. A cidadanía non quere escoitar escusas, quere médicos, citas e solucións. A nós vainos ter ao lado cando fagan as cousas ben, pero tamén nos van ter fronte a fronte cando non dean resposta ás necesidades reais da xente”.