Carlos López Font censura o desleixo do goberno galego diante da caída drástica de produtividade e a perda de traballadoras e traballadores no sector
O deputado socialista felicítase de que, tras non facer “absolutamente nada” en catro anos, a Xunta atenda as reclamacións do PSdeG e retome o proceso de reversión de terreos portuarios sen uso aos concellos
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, esixiulle hoxe á Xunta que poña en marcha un Plan de choque a curto, medio e longo prazo co obxectivo de garantir a continuidade e o relevo xeracional da actividade marisqueira. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca para reclamarlle ao goberno galego que tome en serio a caída da produtividade marisqueira e a perda de empregos.
O responsable socialista esixiulle a posta en marcha “de forma intensa e efectiva” dunha serie de programas de formación e sensibilización, plans de sostibilidade, liñas de apoio á innovación e campañas de educación e visibilización dirixidas a dignificar o oficio e amosalo como alternativa profesional viable.
Sinalou que o sector do marisqueo galego se atopa nunha “situación crítica” pola caída da produtividade e a falla de relevo xeracional, que require de “políticas integrais que melloren as condicións do sector, faciliten o acceso ás novas xeracións e promovan unha imaxe renovada deste traballo tradicional”.
Font advertiu do momento “crítico” que atravesa o marisque, con datos como, a modo de exemplo, un descenso do 93 % na extracción de berberecho na ría de Arousa, un 86 % menos de ameixa “e 45 millóns de euros menos de facturación” durante o 2024. A iso únese o avellentamento, cunha media de idade superior aos 50 anos entre os e as profesionais. “En algunhas zonas hai unha nula presenza de menores de 30 anos”, apuntou.
O Grupo Socialista “puxo na axenda” o problema das zonas portuarias
Carlos López Font criticou, por outra banda, a lentitude da Xunta á hora de tramitar a reversión de terreos portuarios sen uso aos concellos afectados. En resposta á comparecencia do presidente de Portos de Galicia, felicitouse de que o ente iniciase conversas coa Fegamp despois de que o Grupo Socialista preguntase no pleno do Parlamento pola situación deste asunto, “cando pasaran catro anos sen que houbese ningunha comunicación cos concellos”.
O deputado reclamou que se manteña o diálogo cos municipios e se avance “con dilixencia” para que as entidades locais poidan dispor plenamente duns espazos que, de facto, xa non están afectados por ningunha actividade portuaria. Trátase dun tema que os socialistas “puxemos na axenda”, dixo, e por iso mostrou a súa satisfacción “como oposición útil”, ao ter sacado ao goberno de Rueda “da inacción”.