

Patricia Iglesias sinala que “un só euro público esixe control, e en Recursos de Galicia hai como mínimo 30 millóns de euros xestionado con cero rendición de contas e cero transparencia”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe á Xunta que remita á Cámara autonómica toda a documentación da creación e xestión da Sociedade Recursos de Galicia -RdG-, un ente “híbrido controlado materialmente polo goberno galego”. A responsable socialista advertiu que “un só euro público esixe control, e en Recursos de Galicia hai millóns de euros xestionados con cero rendición de contas e cero transparencia”.
A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria para esixirlle á Xunta que remita ao Parlamento o expediente da creación da dita sociedade, pero foi rexeitada polo PP. Iglesias reclamaba un informe no que incluíran os procedementos de selección do CEO e do persoal directivo, a contratación de consultaría e asistencias técnicas que ten contratado e a rendición de contas e as auditorías de RdG.
Advertiu que resultaría “gravísimo” que non existira ese expediente, pero no caso de que exista e o estean a ocultar é “inaceptable” porque “non hai escusas” cando “a Lei obriga e o Parlamento ten dereito a fiscalizar”. Advertiu que “un consello de administración opaco ao servizo do PP non pode decidir a política enerxética, a transición ecolóxica e a xestión do vento, da auga ou das minas” de Galicia, como está a facer o PP dende o goberno galego.
Iglesias denunciou a “opacidade e privatización encuberta” por parte da Xunta, que está a “fuxir do control administrativo” desta entidade, ignorando o informe do propio Consello de Contas que sinalaba que debe someterse a control público e render contas. Explicou que malia que RdG se presente como unha sociedade mixta, a Xunta ten achegado como mínimo 30 millóns de euros e marca a súa orientación estratéxica.
Resumiu que a entidade “non reforza a política pública, senón que a substitúe” a través dunha estrutura na que conflúen o interese público e o interese privado de máis de 30 empresas, o que provoca “conflitos de interese evidentes”.