Silvia Longueira acusa ao goberno galego de converter en “papel mollado” a Lei de Igualdade de Trato e non discriminación de LGTBI de Galicia
A portavoz de LGTBI do Grupo Socialista, Silvia Longueira, reclamoulle hoxe á Xunta que garanta “apoio suficiente” para acadar a igualdade das persoas LGTBI no entorno laboral. Longueira presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento de hoxe e que será votada mañá para facer valer a Lei de Igualdade de Trato e non discriminación de LGTBI de 2014, que foi convertida en “papel mollado” polo goberno galego.
A responsable socialista advertiu que “teñen leis, pero non teñen apoio suficiente” e sinaloulle ao goberno galego que este “faise con dotacións económicas”. Reclamou que comenzaran por dinamizar o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, que apenas emite un informe anual, e o nomeamento dun delegado específico en cada consellería.
Longueira esixiulle ao goberno galego que cumpra coa Lei 2/2014 pola Igualdade de Trato e non discriminación de LGTBI en Galicia, que supón, dixo, que “contamos con tecnoloxía punta, pero non temos manual de instrucións” para levala á práctica. A parlamentaria socialista reclamoulle ademais á Xunta que faga anualmente un estudo anunciado “pola extinta consellería de igualdade” sobre a realidade laboral destas persoas.
Situación laboral
Longueira alertou de que segundo o informe presentado en 2024 pola Federación Estatal LGTBI+, o 70 por cento prefiren ocultar a súa identidade sexual no posto de traballo por “medo” aos casos de discriminación no traballo. Advertiu que no último ano unha de cada dez persoas LGTBI teñen recibido un trato desigual que supuxo que non foran contratadas, despedidas ou mesmo non promocionaran pola súa identidade de xénero.