Paloma Castro advirte que é “inadmisible e intolerable que este aparcamento poida ser de pago”
A parlamentaria socialista Paloma Castro esixiulle ao conselleiro de Sanidade que garanta un novo aparcamento público e gratuíto para os usuarios do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra. A responsable socialista presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que cualificou de “inadmisible e intolerable” que esta infraestrutura sexa de pago porque constitúe “un servizo público vinculado estreitamente a unha sanidade de calidade.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que empregue a nova modificación do proxecto do Novo Montecelo para incorporar este aparcamento gratuíto, como está a pedir a cidadanía de Pontevedra de forma masiva a través de milleiros de sinaturas. Esixiulles coherencia coa postura no Concello, onde veñen de apoiar unha moción do PSdeG pedindo o aparcamento gratuíto, a cesión de terreos anexos ao Concello e a ampliación das liñas de autobús.
Acusou á Xunta de “facer negocio coa sanidade” logo de que primeiro Feijóo e despois Rueda comprometeran prazas de aparcamento a prezos “razoables” ou “asequibles”. Paloma Castro negou a maior e esixiulle ao goberno galego que “muden o criterio” e garantan aparcamento gratuíto que incremente as prazas actuais para un centro que atende a unha área sanitaria de máis de 300.000 persoas.
Ademais, reclamoulle a Sanidade que inclúan ademais unha tarifa máxima no convenio de xestión do aparcamento privado proxectado, así como un sistema de bonos gratuítos para os doentes e o persoal do centro. Reivindicou finalmente un sistema de mobilidade no Gran Montecelo que garanta o acceso mediante transporte público, xa que neste momento resulta “imposible” chegar en bus dende moitos dos concellos da área sanitaria.
Paloma Castro instou ao conselleiro de Sanidade para que como mínimo “deixen facer” e deixen no entorno do hospital parcelas habilitadas como equipamentos públicos que permitan ao Concello pedir a cesión e destinar a aparcamento, como fixo o alcalde de Vigo no Hospital Álvaro Cunqueiro. Advertiu que a alternativa é que “siga alternando un aparcamento privado con espazos alegais habilitados como leiraparques”, o que “non é o que quere nin merece a cidadanía”.