

Elena Espinosa alerta de que “non se pode falar de inclusión educativa sen os medios necesarios para facela posible”
A parlamentaria socialista Elena Espinosa esixiulle hoxe á Xunta que garanta os orientadores e o profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe que necesitan os nenos e nenas con necesidades específicas escolarizados nos centros de Vigo. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación, onde o voto en contra do PP, dixo, demostra que a inclusión é un “discurso baleiro” para o goberno galego.
A responsable socialista dixo que “non se pode falar de inclusión educativa sen os medios humanos necesarios para facela posible”, xa que a falla de recursos imposta polos recortes do PP dende o goberno galego deriva en “profesorado desbordado, equipos directivos esgotados, familias frustradas e alumnado desatendido”. Por iso esixiulle ao goberno galego que asegure “os medios e os recursos humanos e materiais precisos para atender a cada estudante de forma individualizada”.
Afeoulle ao conselleiro que estea a anunciar unha nova estratexia de inclusión educativa adaptada ás necesidades educativas individuais do alumnado, pero os centros só reciben “recortes de profesorado”, polo que “ninguén pode explicar como poden despregar unha estratexia como a que venden sen dispor dos recursos humanos necesarios”.
Espinosa lembrou a recente dimisión en bloque do equipo directivo do IES de Valladares logo de esgotar tódalas vías posibles para reclamar os medios necesarios para o centro logo de que a Consellería suprimira un profesor nun centro no que un terzo do alumnado necesita de atención específica. Estes recortes cebáronse tamén no CEIP A Paz Tintureira, onde o Consello Escolar alertaba que estes “dan medo no profesorado e no persoal especialista”.
Son só dous casos dunha mesma dinámica que se repite nos centros educativos da cidade, onde as Anpas deixan a pel para reclamar medios para a integración e os profesores frústranse ante a falla de resposta do goberno galego cando o único que queren é prestar unha atención educativa digna, de calidade e con igualdade de oportunidades.
Resumiu que os centros educativos e as familias dos alumnos e alumnas están a pedir profesores para ter horas de apoio suficientes, a atención individualizada que necesitan, que permitan aplicar as adaptacións requiridas e que poidan facer o seguimento desexable. Dixo que estas demandas resultan “do máis sensato” cando dende a Consellería lles pide que cumpran cos programas que ofertan, como Club de Ciencia, InnovaLab, Polos Creativos, Ponte nas Ondas ou PROA+.