
Lara Méndez aféalle á conselleira de Vivenda que se comprometa a “estudar a viabilidade” e advirte: “O de estudar o levan mal, vostedes son dos que preparan o exame cinco minutos antes”
A parlamentaria socialista Lara Méndez esixiulle á Xunta que se comprometa a construír vivenda pública no Concello de Foz no momento en que o goberno local dispoña de terreo dispoñible, ou do contrario “poden verse cun solar para vivendas que a Xunta non vai facer”. Méndez presentou unha pregunta oral á conselleira de Vivenda, que só chegou a comprometerse a “analizar a viabilidade” no momento en que o terreo estea dispoñible, e “estudalo” no caso de que sexa “factible”.
Méndez afeoulle á conselleira a vaguidade do seu compromiso, e retrucoulle que “o de estudar o levan mal” na Xunta de Galicia, que semella os “malos estudantes que dedican só cinco minutos antes do exame”. Remitiuse aos 17 anos de xestión continua do PP dende o goberno galego, nos que fixeron unha política de vivenda “nula” ata que chegou o goberno de España e puxo o foco e os fondos para afrontar esta problemática.
Advertiu que o concello de Foz, cunha poboación de 10.000 habitantes que se multiplica no verán cunha ampla poboación flotante, está a ver como a demanda de vivenda cuadriplica á oferta, cunha suba dos prezos do 50 por cento en apenas 3 anos nun contexto de suba xeneralizada de prezos, que no último ano aumentaron un 11,4 por cento.
Emprazou á conselleira a comprometerse coa construción de vivenda pública imprescindible para este concello diante do alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, que seguiu o debate dende a tribuna de convidados do Hemiciclo. Reclamou medidas decididas en materia de vivenda por parte do goberno galego, que está a deixar aos concellos fronte a un problema para o que non dispoñen de recursos mentres os mozos e mozas teñen que marchar a concellos limítrofes para mercar vivenda.