Silvia Longueira propón un programa específico de seguimento sanitario para os bombeiros do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais
A parlamentaria socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe á Xunta que “cumpra coa súa obriga e dote de inmediato ás brigadas de terra co equipamento ergonómico axeitado para levar con eles o rescatador de último minuto. Longueira interveu na comparecencia da xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia no Parlamento, á que lle advertiu que “a seguridade dos nosos brigadistas non se negocia”.
Puntualizou que “é responsabilidade do goberno garantir que cada un dos brigadistas volva a casa con vida”, e sinalou que deben “garantir que quen arrisca máis reciba tamén máis garantías de protección, máis recoñecemento e máis coidado”. Criticou que o goberno galego está a deixar ás brigadas de terra sen opción de levar o rescatador de último minuto porque teñen os mesmos cintos que dispoñía o Icona nos anos 90.
Estes profesionais teñen que escoller entre poñerse en risco físico cargando co peso na cintura cun equipamento obsoleto ou deixar o rescatador no coche, e esixiu que poña á súa disposición as mesmas mochilas adaptadas aos equipos de emerxencia das que si dispoñen as brigadas helitransportadas.
A responsable socialista alertou do perigo no que traballa este persoal, como demostraron os mozos feridos no incendio de Oímbra ou o membro da UME que permanece hospitalizado logo dun accidente de tráfico durante o seu servizo.
Reclamou un programa específico de seguimento sanitario para os bombeiros do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios, que inclúa revisións médicas adaptadas ao seu perfil de risco, con probas respiratorias, cardiovasculares e musculares específicas. Tamén reclama un estudo epidemiolóxico que determine o impacto real da exposición ao lume e ao fume e un programa de apoio psicolóxico para afrontar o estrés, ansiedade e a súa exposición a situacións límite.
Sinistralidade laboral
A responsable socialista interveu na comparecencia para dar conta da sinistralidade laboral en Galicia, que constitúe neste momento un “problema estrutural” en Galicia, con 14.315 sinistros rexistrados só no primeiro semestre de 2025, no que se rexistraron 32 accidentes mortais. Longueira urxiu ao goberno galego a convocar o Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia diante da “falla de reposta” do goberno galego diante da que é xa unha situación de emerxencia.
Censurou a falla de vontade política do goberno galego para protexer aos traballadores e traballadoras galegos, e propuxo acordar un plan de choque contra a sinistralidade laboral a nivel autonómico pactado cos axentes sociais con obxectivos concretos de redución de accidentes mortais e graves.
Tamén reclamou o reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia -ISSGA- con máis recursos humanos e técnicos e apostar pola coordinación entre as administracións autonómica e estatal. Finalmente, reclamou a posta en marcha de protocolos específicos fronte á emerxencia climática, adaptando horarios, formación e medidas preventivas en episodios de calor extrema ou fenómenos meteorolóxicos adversos.