

Aitor Bouza empraza ao goberno galego a ofrecer unha explicación “clara e rápida” deste “apagón informativo” e urxe a restaurar o servizo de inmediato
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle á Xunta que ofreza explicacións “claras e rápidas” dos motivos polos que as webs cos datos públicos dos rexistros de demandantes de vivenda e de emprego permanecen caídas dende hai semanas.
O responsable socialista anunciou unha batería de iniciativas para reclamarlle ao goberno galego que resolva “de inmediato” este “apagón informativo” que impide que os galegos e galegas coñezan de primeira man a realidade de dous dos principais problemas cos que se teñen que enfrontar a diario, como son a falla de vivenda pública e a busca de traballo.
O parlamentario socialista lembrou a “relación tanxencial” do goberno galego coa realidade dos datos e a súa tendencia a manipular as estatísticas para que respondan o que lles convén politicamente. Aludiu así á decisión polémica de repartir os datos das persoas en espera sanitaria para facer “desaparecer” das listas aqueles doentes que aínda non teñen cita médica na axenda e adulterar así a realidade para o conxunto da cidadanía.
Bouza subliñou que “agardamos que o goberno galego non faga o mesmo cos datos dos demandantes de vivenda apuntados ao servizo do goberno galego”, que a finais do ano pasado superaban os 20.000, así como cos demandantes de emprego.