Patricia Iglesias censura o desleixo do goberno galego para impulsar a Sionlla e reclámalle que impulse o biopolo para converter Santiago de Compostela en referente da biotecnoloxía
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe ao goberno galego que desbloquee a ampliación do Polígono Industrial da Sionlla, en Santiago de Compostela. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento na que acusou ao PP de presentar dende a Xunta “anuncios e propaganda pero nin unha sola resposta concreta”.
Iglesias afeoulle ao goberno galego que remate 2025 moi lonxe de liberar 400.000 metros cadrados de solo industrial neste ano 2025, e responsabilizou á Xunta de manter o polígono “paralizado”, xa que a día de hoxe hai “cero parcelas dispoñibles”. A parlamentaria socialista criticou a falla de iniciativa da Xunta para levar adiante esta ampliación, comprometida en abril de 2024, xa que que a última noticia coñecida remítese ao informe ambiental favorable publicado en novembro de 2024.
Dende entón “ningunha obra licitada, ningunha parcela dispoñible e ningún proxecto asentado”, co que “Santiago segue sen solo industrial competitivo e o goberno galego segue sen cumprir o que prometeu”.
Advertiu que Galicia “perde proxectos cada ano por non contar con parcelas listas” por mor dun PP e un goberno galego “atrapados na propaganda electoral”, que miran para outro lado cando “Santiago necesita peso industrial, necesita atraer innovación, tecnoloxía e proxectos de alto valor engadido”. Criticou que “as empresas esperan, os proxectos marchan, Galicia perde oportunidades e vostedes quedan co titular”.
Iglesias reclamoulle ao goberno galego que colabore coas administracións implicadas na ampliación do Polígono, impulsando o biopolo da Sionlla que faga de Santiago referente dun sector estratéxico como é o da biotecnloloxía, fundamental para a sociedade do coñecemento e a innovación de. Puntualizou que Santiago “non é só destino turístico e Camiño de Santiago”, xa que “como capital de Galicia merecemos crecemento económico e industrial que aporte valor, innovación e futuro”.