Patricia Iglesias recriminoulle ao Goberno galego que pasaron máis de tres anos desde que se comprometeu a impulsar un proxecto “con marca xenuína do socialismo galego”
“Imos cansos de anuncios. Vaise materializar algo de todo o que se fixo propaganda?”, preguntou a deputada do PSdeG
A deputada socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe á Xunta que cumpra a súa promesa de crear en Ferrol un polo de innovación en enerxías renovables mariñas e almacenamento, unha iniciativa “con marca xenuína do socialismo galego, en concreto do entón alcalde, Ángel Mato, e que xa contou co respaldo unánime da Comisión de enerxía e Industria do Parlamento galego” en xaneiro deste ano.
Durante o debate dunha pregunta en comisión, a parlamentaria do PSdeG sinalou que Galicia “conta cunha posición vantaxosa” para aproveitar os investimentos ligados á transición ecolóxica, “tanto polos seus recursos naturais como pola configuración do seu tecido industrial e o seu know-how”.
Nese marco, Ferrol conta coas condicións axeitadas para acoller un polo de renovables vencellado ao mar. Entre elas, sinalou as condicións de vento e mareas, unha infraestrutura de investigación “moi consolidada”, estudos universitarios de enxeñaría industrial e naval, o canal de experiencias hidrodinámicas do campus de Esteiro ou o coñecemento que gardan as factorías de Navantia na cidade e en Fene.
Fronte a esas posibilidades, Iglesias criticou que a iniciativa leva agardando máis de tres anos, despois de que os socialistas lla presentaran á Xunta e de que o entón presidente, Feijoo, comprometese en xaneiro de 2022 o seu desenvolvemento. Segundo recordou, este mesmo ano o Parlamento mostrou tamén o seu apoio unánime ao polo.
Patricia Iglesias lembrou tamén que tras o Consello da Xunta que se celebrou en marzo deste ano en Ferrol, Rueda explicou que o polo se instalaría no CIS da Cabana. Censurou, porén, que, “pese a todos eses anuncios, a iniciativa non se materializou”. “Vaixe facer algo de todo o que se fixo propaganda?, porque xa imos cansos de anuncios”, dixo a deputada socialista.