Paloma castro acusa a Portos de levar dez anos “mareando a perdiz” para evitar executar unha obra imprescindible para o medio ambiente, e a actividade marisqueira e deportiva
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta que leve adiante a dragaxe do Lérez poñendo enriba da mesa a ampliación da operación ata a ponte dos Tirantes. Castro presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamarlle ao goberno galego unha solución á acumulación de lodos no río, que impide o marisqueo e as actividades náuticas e deportivas.
A responsable socialista insistiu na necesidade de que aproveitar os novos estudos técnicos anunciados pola Xunta para ampliar a zona de dragaxe cara á ponte dos Tirantes, e así contribuír á renaturalización do treito máis urbano do río e facilitar a práctica deportiva. Reclamoulle á Xunta unha solución para o tratamento en terra daqueles áridos que estean contaminados logo de anos de presenza de empresas contaminantes e un vertedoiro “a caño libre” sobre o río.
A realidade, explicou, é que a situación do río é “insostible” dende o punto de vista medioambiental, ademais de que está a afectar ao marisqueo a pé e ás actividades náuticas e deportivas da cidade, que teñen que se cancelar con marea baixa. Esixiulle a Portos que “sexan claros” e “dean pasos para adiante” coa actuación acadando o “equilibro entre o económico e o medioambientalmente sostible”, que obriga a tratar os materiais en terra.
Explicou que é precisamente competencia da Xunta determinar o destino do material resultante da dragaxe, e despois será o Ministerio de Transición Ecolóxica o que dea o visto bo se responden coa normativa medioambiental. Lembrou o caso da dragaxe da ría do Burgo, cunha cantidade de material moi superior que tivo que ser tratada en terra e tivo que ser asumida finalmente polo Estado.