Censura que a “descoordidación” dos distritos provocada pola Xunta “só favorece aos incendios forestais”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á Xunta que reestruture os distritos forestais, unha tarefa pendente dende que o pediu o Comité de Expertos no Parlamento no ano 2019. Dacosta presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Agricultura do Parlamento, pero que foi rexeitada polo PP malia que o goberno central adiantou a campaña contra incendios ao 1 de xullo.
A responsable socialista advertiu que “a evidencia demostra que a Xunta segue sen priorizar a planificación e a redistribución de medios, deixando aos distritos nun estado de descoordinación que só favorece á gravidade dos incendios”. Sinalou que “non basta con promesas baleiras nin con parches temporais”, e alertou de que “Galicia necesita dunha reestruturación real, baseada en datos, criterios técnicos e unha planificación seria”.
Explicou que “non pode ser” o desleixo do goberno galego, con distritos nos que o persoal non ten motobombas e outros nos que as motobombas non teñen brigadistas que as poñan en marcha. Mentres, engadiu, a Xunta “segue sen dar pasos firmes” en ningunha dirección, e “en lugar de actuar con responsabilidade, prefire manter un statu quo que favorece á improvisación e á inacción” cunha política “de descoordinación, de falta de planificación e abandono ás recomendacións dos expertos”.
Dacosta urxiu a reestruturar os distritos forestais para “consolidar e mellorar a eficacia do dispositivo contra incendios” e que habilite un “cimento básico para establecer unha estratexia que pare con esta lacra”. Lamentou que ano tras ano “constatamos a profunda incapacidade da Xunta para afrontar con seriedade e eficacia a epidemia de incendios forestais, que constitúe un dos maiores desafíos da nosa terra”.