Carmen R. Dacosta reclama actualizar e reforzar o programa de control biolóxico da praga que está a acabar cos castiñeiros da provincia de Ourense
Reclama un censo de masa forestal de castiñeiro afectado para identificar as áreas máis danadas e campañas de formación para produtores e propiearios
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á Xunta que “abandone a pasividade, asuma a súa responsabilidade e poña en marcha unha estratexia real e eficaz para salvar ao castiñeiro galego”. A responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Agricultura na que alertou de que “o tempo esgótase” para frear a praga do cancro do castiñeiro.
Dacosta alertou do impacto desta enfermidade que está a acabar con soutos enteiros de concellos como Vilar de Barrio, Manzaneda, San Xoán de Río, Nogueira de Ramuín, Viana do Bolo, O Barco, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras ou Petín, e aqueles con menor renda, nos que a castaña actúa como un complemento económico fundamental, como son Riós, A Mezquita ou Vilardevós.
Sen embargo, o goberno galego só ofrece “evasivas, respostas insuficientes e en moitos casos contraditorias coa realidade que viven os concellos e os montes afectados” por unha praga que afecta ao sector madeireiro, á produción de castaña á apicultura, aos incendios e ao equilibro medioambiental.
Advertiu que os axentes forestais alertan da “ausencia de medios e a falta de plantas resistentes nos viveiros da Xunta”, polo que os intentos de repoboación resultan “escasos ou pouco útiles”, ao que se suma a “desinformación e falta de apoio técnico a nivel local”. Sinala que “é hora de actuar con decisión, planificar con rigor e acompañar ás persoas afectadas con medios e medidas reais”, porque “está en xogo o futuro dos nosos soutos, da nosa cultura forestal e a vida do rural galego”.
A parlamentaria socialista reclámalle ao goberno galego que poña en marcha un censo da masa forestal de castiñeiro afectada para identificar as áreas máis danadas e priorizar a intervención pública, así como unha diagnose actualizada e detallada da eficacia das cepas hipovirulentas empregadas dende 2011. Tamén pide actualizar o programa de control biolóxico desa enfermidade, e unha estratexia específica nos soutos das zonas máis afectadas de Ourense.
Carmen Dacosta urxe á consellería do Medio Rural a poñer en marcha campañas de divulgación e formación dirixidas a produtores, gandeiros, apicultores e propietarios forestais para fomentar a detección temperá, o manexo afectado das árbores afectadas e as boas prácticas silvícolas que impulsen a resiliencia do castiñeiro fronte a enfermidades e pragas.