Paloma Castro alerta de que a ría de Arousa “necesita de compromiso, investimento e planificación para protexer á xente que vive dela, non altris nin promesas baleiras”
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta un Plan de axudas directo e específico para as familias mariscadoras afectadas polo peche biolóxico de seis meses decretado polo goberno galego. A responsable socialista mantivo un encontro na Illa de Arousa cos alcaldes e portavoces do PSdeG na comarca de Arousa para reclamar apoio para un sector do que dependen milleiros de familias en Arousa.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “asuman a súa responsabilidade institucional, social e ambiental” coa ría de Arousa, que precisa de “compromiso, investimento e planificación, non altris nin promesas baleiras”. Urxiu ao goberno galego que poña en marcha “xa” os instrumentos legais e financeiros de que dispón, porque “sen axudas non hai futuro, e sen apoio non hai marisqueo”.
Castro esixiulle ao goberno galego que garanta compensacións económicas para afrontar o peche de seis meses dende o pasado 26 de setembro que afecta aos bancos de libre marisqueo de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla, os máis importantes da ría. Advirte que o sector aceptou a medida “con responsabilidade”, pero conscientes de que “non se pode asumir un peche sen compensación económica”, que suporía “a condena definitiva” para o sector.
Sen embargo, a Xunta decretou o peche “sen plan de axudas, nin calendario de pagamentos, nin compromiso firme cos profesionais afectados”, co que o seu silencio administrativo “está a converter un problema ambiental nun drama social e económico”. Advertiu que este cesamento temporal de actividade afecta a ata 1.200 familias que dependen do marisqueo a pé, e outras 300 do marisqueo a flote.
Os socialistas galegos reclaman prestacións por cesamento de actividade nos meses de outubro a decembro e un plan de axudas compensatorias cofinanciado con fondos Fempa para os meses de xaneiro a marzo do próximo ano que cubra os custes fixos da actividade e garanta a viabilidade das confrarías e os profesionais.
Esixiu un calendario concreto de pagos e a constitución dun Comité de seguimento transparente e con participación do sector que supervise a aplicación das medidas e avalíe o estado dos bancos durante o peche. Castro fixo estas declaracións logo dun encontro cos alcaldes de A Illa e Cambados, Luis Arosa e Samuel Lago, e os portavoces socialistas de Vilagacía, Vilanova e Ribadumia.