

Aitor Bouza considera incomprensible que dependan de que queden prazas libres no bus de liña e que teñan que empregar o seu abono transporte para ir a clase
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, acusou hoxe á Consellería de Educación de ofrecer “cero respostas” diante dos problemas no transporte dos estudantes de Bacharelato do IES Terra de Xallas de Santa Comba. Bouza presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación do Parlamento para esixirlle á Xunta “control e sancións” polos incumprimentos no contrato coa concesionaria.
O responsable socialista criticou a pasividade do goberno galego diante dun incumprimento palmario do contrato de transporte para os estudantes de bacharelato no dito centro, os rapaces e rapazas que teñen que empregar o bus de liña cos seus abonos transporte e que agora dependen de que o vehículo teña as prazas reservadas libres. Esixiulle a Educación que garanta que “ningún neno ou nena volva quedar tirado nunha parada de bus en Santa Comba”.
Criticou o modelo de transporte mixto, no que os rapaces e rapazas deste instituto teñen que empregar o mesmo bus de liña, e a diferenza dos centros de Santiago ou A Coruña están obrigados a gastar o seu cupo de viaxes da tarxeta Xente Nova. Subliñou que “iso non é transporte escolar, iso é facelos utilizar o bus ordinario”, o que está a enfadar á comunidade educativa do Concello “e con razón”.
Preguntou finalmente “como pode ser que a día de hoxe haxa liñas e frecuencias de transporte escolar na que os estudantes tarden unha hora en chegar ao seu centro educativo, como pode ser que cheguen antes ao destino na Coruña ou Santiago que na súa propia vila”. Esixiulle ao goberno galego que tome “medidas correctoras” para tranquilizar ás familias e garantir que as adxudicatarias cumpran cos contratos e non teñan que adaptar o transporte ás necesidades das empresas.