
Patricia Iglesias reclámalle ao goberno galego que rexeite o proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei sen incluír indemnización algunha á empresa
Subliña que Galicia “necesita unha política industrial seria, sustentable e aliñada coa transición ecolóxica xusta”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe á Xunta que faga público dunha vez o acordo secreto que mantén coa empresa Altri para a construción dunha macrocelulosa altamente contaminante en Palas de Rei. A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego que dea carpetazo ao proxecto sen indemnizar á empresa.
Esixiulle ao goberno galego que dea luz sobre o “memorando confidencial ou acordo” asinado entre os promotores do proxecto e a sociedade pública Impulsa -disolta pola Xunta en agosto-, incluíndo os compromisos económicos e xurídicos asumidos pola administración autonómica. Iglesias quere que aclaren o “posible risco de responsabilidade patrimonial ou indemnización con cargo a fondos públicos derivado da tramitación ou eventual denegación do proxecto.
A responsable socialista urxe ao goberno galego que dite dunha vez unha resolución administrativa denegatoria do proxecto industrial “evitando calquera risco de responsabilidade patrimonial ou indemnización con cargo a fondos públicos”. Lembra que o proxecto incumpre os requisitos de sustentabilidade ambiental, económica, técnica e social, segundo o Texto Refundido de 2015 que aproba as disposicións legais de Galicia en materia de política industrial.
Neste sentido, chama á Xunta a derrogar os artigos 85 e 86 do texto refundido en materia de Política Industrial de Galicia, que habilita reclamacións por responsabilidade patrimonial e as conseguintes indemnizacións polos Proxectos Industriais Estratéxicos -PIE- que non sexan autorizados nun prazo de un ano dende que a empresa presenta toda a documentación.
Iglesias denuncia a “estratexia de opacidade” do goberno galego, que está a agochar información completa e actualizada sobre o contido dos informes técnicos, os compromisos económicos asumidos pola Administración autonómica, asociadas ao proxecto e os riscos de responsabilidade patrimonial.
Ademais, apunta que “ningún proxecto industrial pode ser imposto ao territorio” nin xustificado baixo a “etiqueta” de estratéxico “se non cumpre escrupulosamente cos criterios de sustentabilidade ambiental, viabilidade económica, aceptación social, transparencia e interese público real”. Alerta dos riscos graves que supón o caso concreto de Altri segundo diversos informes técnicos, alegacións de organizacións ecoloxistas colectivos profesionais e administracións locais.
Lembra que o proxecto de macrocelulosa prevé un consumo intensivo de recursos hídricos e impacto sobre a bacía do Ulla, emisións contaminantes ao aire e á auga, afección ao solo, á biodiversidade e ao modelo agrario e forestal. Ademais ten unha elevada dependencia dun modelo extractivo baseado no monocultivo do eucalipto, e foi presentado cunha avaliación insuficiente do impacto socioeconómico real e da creación efectiva de emprego de calidade.
Patricia Iglesias subliña que Galicia “necesita dunha política industrial seria, sustentable e aliñada coa transición ecolóxica xusta”, e “non proxectos que comprometan o futuro ambiental e produtivo do país nin que socialicen riscos mentres privatizan beneficios”.