Patricia Iglesias sinala Ferrol como sede “porque reúne todas as condicións”: un estaleiro de primeiro nivel, tradición industrial e coñecemento, da man da Escola Politécnica de Enxeñaría
A deputada defende a iniciativa, que impulsaron os socialistas ferroláns, e a aposta do Goberno pola urbe naval, en contraposición a un alcalde “que vota contra a cidade que goberna”
“Queremos que o Goberno galego abandone a inercia e a propaganda, e asuma con valentía e responsabilidade a creación dun clúster da defensa en Ferrol”. Así lle reclamou á Xunta a deputada socialista Patricia Iglesias que impulse unha agrupación sectorial que representa “unha oportunidade” para a industria galega. Durante o debate dunha iniciativa socialista no pleno do Parlamento galego, Iglesias advertiu da “necesidade urxente de actuar” para que Galicia non perda un tren que xa están collendo outras comunidades autónomas. “Non máis anuncios fracasados”, reclamoulle ao Goberno de Rueda, a quen lle esixiu que se centre nos asuntos de Galicia e deixe de actuar coma “un delegado coas orellas postas en Génova”.
A parlamentaria do PSdeG recordou que o clúster é “unha iniciativa do socialismo galego” que xurdiu no contexto do impulso que está a experimentar Ferrol durante os últimos anos, “grazas ao apoio incondicional do Goberno de España e aos proxectos de cidade postos en marcha polo alcalde socialista Ángel Mato”. Fronte a iso, “o señor Rey Varela votou en contra da cidade que goberna, e xa só por esa razón debería deixar o bastón de mando”, criticou en referencia á posición do PP no pleno municipal e no da Deputación da Coruña sobre o investimento en defensa. Tamén nese punto lamentou a “falta de coherencia” do BNG: “A xente non entende que un día saian á rúa pedir carga de traballo para os estaleiros e outro presenten iniciativas contra o gasto en seguridade. Non sei que pensan que se constrúe en Navantia, cruceiros de “Vacaciones en el mar”?”.
Patricia Iglesias defendeu que Galicia precisa “políticas industriais ambiciosas, pero tamén realistas, e Ferrol reúne todas as condicións para converterse nun polo de referencia no ámbito da defensa e a seguridade”, xa que dispón dunha longa tradición naval, cun estaleiro de primeiro nivel, referente en construción de buques “de alta tecnoloxía” para a Armada e para países aliados. Ademais, conta cunha Escola Politécnica de Enxeñaría que forma profesionais “preparados para desenvolver sistemas punteiros” en eidos como a mecánica, a electrónica ou as telecomunicacións.
“Queremos máis innovación e menos macrocelulosas coma o proxecto de Altri no corazón de Galicia”, reclamoulle ao Goberno de Rueda, ao que recordou que o da defensa é un sector netamente exportador, incorpora nos seus programas un elevado orzamento destinado á investigación e desenvolve tecnoloxías con aplicacións posteriores en usos de carácter civil.
*“Ferrol pode e debe ser un nodo estratéxico e merece esta oportunidade”*
A parlamentaria socialista insistiu en que a creación dun clúster é “unha oportunidade estratéxica” dentro do actual contexto xeopolítico, cun incremento nos investimentos en materia de seguridade do que Galicia “non pode quedar á marxe”. “Ferrol pode e debe ser un nodo estratéxico nesa nova rede de capacidades”, afirmou sobre un “ecosistema con capacidade tractora para o conxunto da economía galega”.
A creación do clúster, que o propio Goberno acolleu con bos ollos cando en 2022 llo presentou Ángel Mato, serviría para establecer un marco de colaboración estable entre as industrias situadas en Galicia, as universidades e os socios tecnolóxicos de primeiro nivel implicados nos programas que se están a desenvolver nestes momentos, tal como recolle a iniciativa que os socialistas levaron ao pleno da Cámara autónoma.
Ás sinerxías que facilitaría uniríanse ás actuacións que o Goberno de España está a liderar na comarca ferrolá, con investimentos “históricos” que reforzaron a innovación e a creación de emprego. Como exemplos diso, Iglesias citou a construción das cinco novas fragatas F-110, cun contrato que supera os 4.500 millóns de euros, un novo buque de aprovisionamento en combate (650 millóns) e a modernización do estaleiro ferrolán coa creación dunha fábrica de bloques dixitalizada e un centro de excelencia do xemelgo dixital, entre outras actuacións.
“Galicia precisa compromisos reais, e Ferrol merece esta oportunidade”, concluíu Patricia Iglesias.