
Silvia Longueira urxe ao goberno galego a executar canto antes a dragaxe deste porto de Oleiros
A parlamentaria socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe a Portos de Galicia que poña en marcha canto antes a ampliación dos pantaláns do porto de Lorbé -Oleiros- que comprometeron coa confraría no ano 2023. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que denunciou o “abandono” deste Porto por parte do PP dende o goberno galego.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego ten anunciado e comprometido coa confraría a ampliación do dique e a instalación dos pantaláns dende as eleccións de 2023, pero logo de dous anos “non hai proxecto, nin orzamento nin obras”. Alertou que de manter esquecido este porto en breve “non haberá nin embarcacións” que traballen no marisqueo nun porto coñecido pola actividade extractiva de marisco e mexillóns e que resulta “vital” para a localidade.
Longueira reclamoulle ademais ao presidente de Portos que cumpra co compromiso de facer a dragaxe do porto, que segundo comprometeu hoxe estaría incluído nos Orzamentos de 2025. Salientou a urxencia desta actuación, xa que a acumulación de sedimentos está a deteriorar a operatividade do porto ata o punto de que deixa parte do dique inoperativa para as embarcacións.