Silvia Longueira alerta de que o deterioro da infraestrutura supón un perigo para os alumnos e o público en xeral
A parlamentaria socialista Silvia Longueira reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que retire as gradas do IES Manuel Murguía de Arteixo pola súa “lamentable situación de deterioro”, que as convirte nun perigo para os alumnos e o público en xeral. Longueira presentou unha pregunta na Comisión de Educación que se celebrou hoxe no Parlamento para esixirlle á Consellería que incorpore a retirada do graderío ao plan de actuacións previsto para este centro educativo.
A responsable socialista levou ao Parlamento a petición da comunidade educativa, que opta pola retirada dunha infraestrutura en desuso que se atopa totalmente deteriorada, polo que a maior parte do ano están pechadas con cinta de precaución. Esta estrutura ofrece unha imaxe de desleixo incrementada polo óxido, corrosión e signos evidentes de desgaste estrutural, ademais de que xa ten rexistrado varios casos de incidentes dos alumnos por escalar as bancadas.
A comunidade educativa sinala ademais que a instalación da estrutura, lindando coa estrada traseira do Instituto, facilita o acceso dende o exterior, polo que teñen rexistrado varios roubos e intentos de roubo accedendo a través das propias bancadas.
Longueira explicou que a propia dirección do centro está de acordo con retirar as bancadas, coincidindo coa Anpa, e sinalan que ao liberar o espazo permitirían incrementar a superficie destinada ao recreo e mesmo habilitaría a instalación de diferentes estruturas educativas, deportivas ou recreativas que si teñan uso frecuente.
A parlamentaria socialista explicou que o Grupo Socialista presentou no Parlamento unha iniciativa en 2021 impulsada pola Agrupación Local alertando da falla de persoal educativo, a saturación e o mal estado do centro. Resumían as peticións do centro educativo e os centros escolares durante máis dunha década, pero todas elas foron ignoradas pola Consellería de Educación e rexeitadas polo PP.
Longueira presentou esta iniciativa no Parlamento porque as obras anunciadas polo goberno galego para a reforma do centro este mesmo ano non incluían os espazos exteriores, en mal estado, nin tampouco ás gradas.