Paloma Castro cualifica ao conselleiro de “mestre do trilerismo” por incumprir do compromiso de recuperar a aula
A parlamentaria socialista Paloma Castro cualificou hoxe ao conselleiro de Educación como “mestre do trilerismo” polo seu incumprimento reiterado do compromiso de recuperar a terceira aula de Infantil que suprimiron no CEIP San Clemente de Caldas de Reis.
Castro presentou unha pregunta ao conselleiro no Pleno do Parlamento ao que asistiron o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez Gulín, e representantes da comunidade educativa, que mantiveron un encontro co portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro.
A responsable socialista criticou a “decisión errática” de suprimir a aula por parte da Consellería de Educación. Castro sinalou que están a incumprir os criterios de reparto de aulas asinado cos sindicatos en 2023, os compromisos acadados a comezos deste curso cos pais, nais e o equipo directivo do centro a comezos de curso e reclamación da Valedora do Pobo, que lles instou a rectificar e recuperar a unidade no próximo curso.
Castro subliñou que os nenos e nenas do colexio “non merecen ser cidadáns de segunda”, senón que merecen “seguir vivindo na súa parroquia cun colexio que teña as mesmas condicións que outros das grandes cidades”.
Explicou que o curso pasado incumpriron os baremos de alumnos por aula, xa que tiñan 26 nenos e nenas, dous deles con discapacidade, o que obriga a ampliar unha aula máis, e para o próximo curso hai 11 novas solicitudes de matrícula. Alertou que se persisten na súa decisión, ao reducir unha aula vanse ver abocados a baremar e deixar nenos e nenas fora da escola.