Lara Méndez denuncia o “trato discriminatorio” da conselleira ao rexedor municipal, ao que leva evitando un ano no que si que tivo tempo de verse con 12 alcaldes do PP
Desafía á conselleira a manter un encontro “de cinco minutos” co alcalde, que hoxe viaxou ata Santiago
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe á Conselleira de Política Social que reciba ao alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, para acordar o traspaso da titularidade e os fondos necesarios para a residencia e o centro de día. A responsable socialista denunciou o “trato discriminatorio” da conselleira cara aos veciños e veciñas desta localidade”.
Así o dixo logo de lembrar que leva un ano esquivando ao alcalde e negándose a recibilo cando “o que lle preocupa non é outra cousa que aliviar as arcas municipais, mellorar o servizo e que non haxa trato discriminatorio con outros concellos”. Méndez fixo un relatorio da axenda da conselleira, que nos últimos 6 meses “tivo tempo de recibir, visitar, comprometer axudas e ata conmemorar o vixésimo aniversario” xunto a 12 alcaldes, todos eles do PP, pero non atendeu ao de Foz.
A responsable socialista emprazou sen éxito á conselleira a recibir “5 minutos” ao alcalde da localidade luguesa, que hoxe viaxou ata Santiago para ver a pregunta que presentou Méndez, e que “a lo menos si que foi recibido polos conselleiros de Sanidade e Vivenda”, mentres a conselleira de Política social “négase a recibilo unha e outra vez”.
Méndez explicou que a xestión da residencia supón un custe de 370.000 euros para un Concello que ten que asumir un gasto global de 700.000 euros en política social, pero de competencias que lle corresponden ao goberno galego, incluído o Servizo de Axuda no Fogar. Explicou que esta situación financeira deriva dos compromisos adquiridos en 2017 polo anterior alcalde do PP, que obriga ao Concello a afrontar un sobre esforzo financeiro inasumible.
Criticou que o anterior alcalde “non protestaba” porque, dixo, “posiblemente recibía fondos pola vía das subvencións para selamentos ou obras” que deixaba sen atender para destinar as partidas ao financiamento deste servizo.