Lara Méndez denuncia o abuso dos convenios a dedo para xerar dependencia e clientelismo, que “lastra o bo funcionamento dos concellos e provoca un desequilibro no país”
A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe á Xunta que presente unha nova Lei de Administración Local que garanta autonomía e recursos para os Concellos. Méndez presentou unha proposta no Pleno do Parlamento de hoxe -e que será votada mañá- para reclamarlle á Xunta que substitúa a Lei de Administración Local, aprobada en 1997.
A responsable socialista criticou que o anuncio do conselleiro de Facenda de hoxe sobre un suposto aumento dos fondos é en realidade “unha película” porque “esquecéuselles explicar que está vencellado á aprobación da Lei de Administración Local que ía ser aprobada no primeiro trimestre do ano, e que agora Rueda adía “ao resto da Lexislatura”. Criticou que “aproveiten o respecto institucional da Fegamp para dilatar os prazos e non aprobar a Lei de xeito inmediato”.
Esixiulles que deixen de tratar ás entidades “como lacaios” abusando do modelo de reparto de fondos a través de convenios ad hoc para garantir “dependencia e polo tanto clientelismo”. Méndez lembrou o informe do Consello de Contas que explicaba que ao asinar convenios sen criterios obxectivos nin planificación territorial “favorecen aos concellos gobernados polo PP e deixan en desvantaxe aos demais”.
Méndez levou ao Parlamento a voz dos 313 concellos galegos, que están a padecer unha xestión que está a lastrar o seu funcionamento e provoca o desequilibro do país mentres o PP “leva anos dilatando a tramitación dunha Lei necesaria para modernizar o noso modelo municipal e garantir a autonomía e o financiamento dos concellos.
Afeoulle ao PP e ao goberno galego de presentar “anuncios e mentiras” nos orzamentos do goberno galego ano tras ano, e cando pechan o exercicio deixan sen executar máis do 30 por cento dos fondos destinados aos concellos. Esixiulle que atendan ás demandas da Fegamp, que está a reclamar financiamento incondicionado e que distribúa os fondos en base aos criterios de poboación, superficie, núcleos de poboación e porcentaxe de maiores de 65 anos.
Lei do Cambio Climático e de Saúde dos Menores
A responsable socialista criticou que a Lei do Cambio Climático, que iniciou hoxe o trámite parlamentario, vulnera a autonomía e as competencias das entidades locais, altera o marco competencial da lexislación e limita a autonomía dos concellos, ademais de que non achega ningunha partida económica.
Pola outra banda, a Lei de Saúde dos Menores e de Prevención das Condutas Aditivas descarga sobre estas entidades a responsabilidade de regular a localización e os requisitos dos establecementos nos que se subministren bebidas alcohólicas, así como a súa vixilancia e control. Tamén lles obriga a intervir nas situacións de risco para os nenos e nenas derivados as condutas aditivas.
Afeoulle ao goberno galego que siga “descargando competencias e respnsabilidades nos concellos a cambio de cero euros”, polo que se limitan a un fondo base de financiamento local que permanecerá un ano máis conxelado, un fondo adicional que “só chega a unha minoría”, e os convenios “repartidos maioritariamente entre os concellos do PP”.