

Paloma Castro reclama “respecto” ao sector marisqueiro, sinaladamente de Arousa e Muros – Noia, que “non pode ser tratado como dano colateral”
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta un protocolo de baleirado dos encoros que afectan aos bancos marisqueiros para reducir o seu impacto sobre a salinidade das rías e frear a mortalidade dos moluscos. Castro criticou que o PP rexeitara esta proposta que presentou na Comisión de Pesca para “pasar da improvisación á planificación” e esixiu “respecto” por un sector estratéxico en Galicia.
Castro esixiulle ao goberno galego que deixe de tratar ao sector marisqueiro “como un dano colateral”. Sinalou en concreto o impacto dos encoros na ría de Arousa, e tamén de Muros – Noia, onde o marisqueo representa á “base da economía local”, que está a vivir unha “fonda crise” provocada “non só por causas naturais”, senón tamén pola xestión ineficaz dos encoros, como o caso de Portodemouros en Arousa.
A responsable socialista levou ao Parlamento unha advertencia reiterada polo sector marisqueiro con relación aos baleirados bruscos dos encoros, que liberan masas de auga doce sen planificación, sen control e sen aviso previo real ás confrarías e concellos afectados, que no mellor dos casos son alertados cando o dano xa está feito. Explica que as variacións na salinidade das rías están detrás dos episodios de mortalidade masiva nos bancos marisqueiros.
Lembrou que os encoros son xestionados por empresas privadas concesionadas pola Xunta, que polo tanto é a última responsable dunha xestión da auga que “pode e debe facerse mellor”, con desaugues progresivos, aproveitando a marea chea e con comunicación previa “clara e suficiente”. Sinala que este protocolo “permitiría pasar da improvisación á planificación, anticipándose aos efectos e reducindo os danos cando os desaugues son inevitables”.
Castro explica que os bivalvos están adaptados a condicións de salinidade intermedia, e son extremadamente sensibles tanto ás baixadas bruscas de salinidade polos desaugues como aos valores excesivamente altos. Estes últimos veñen provocados tamén pola xestión artificial da auga provocada pola regulación dos caudais fluviais, a retención prolongada de auga nos encoros e a falta de caudais ecolóxicos axeitados.
Advirte que o exceso de salinidade é “unha ameaza silenciosa pero real para as rías galegas”, e combatelo “require planificación, coñecemento científico e unha xestión responsable da auga” que teña en conta que as rías son unha parte esencial do sistema, que constitúen por si mesmos un ecosistema fráxil e unha das maiores riquezas do país.
Por iso, reclamoulle ao goberno galego “sentido común, ciencia, planificación e diálogo” para protexer unha fonte de recursos fundamental para milleiros de familias, que obriga a que “exerzan plenamente a súa responsabilidade sobre as concesións privadas dos encoros, que teñen un impacto directo nun sector estratéxico”.