
Aitor Bouza leva ao Parlamento as demandas das Anpas Galegas para que “ningún neno ou nena quede sen o profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que necesita”
Reclama “menos anuncios e máis compromisos” para que as familias poidan desgravar o material escolar que pagan en efectivo
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, presentou no Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei para esixirlle á Xunta que garanta que “ningún neno ou nena quede sen o profesor de Pedagoxía Terapéutica -PT- ou Audición e Linguaxe -AL- que necesita”. Bouza presentou esta iniciativa -que será votada mañá mércores- logo dun encontro coa presidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete e o secretario de Educación do PSdeG, Fabián Canosa.
O responsable socialista levou ao Pleno do Parlamento as demandas das Anpas Galegas para reclamarlle ao goberno galego que poña en marcha de inmediato un Plan de choque específico con medidas tanto inmediatas como estruturais dirixido a reforzar os cadros de persoal de PT e AL nos centros galegos que teñan alumnos con necesidades de apoio recoñecidas. Apelou á “obriga legal e moral” do goberno galego, que dispón da competencia plena en materia educativa.
Bouza reivindicou un “ensino público de calidade, inclusivo e non discriminatorio”, para o que é fundamental que o alumnado máis vulnerable dispoña do apoio que precisa, e que neste momento está lonxe de ser unha realidade pola falla de planificación e de vontade política do PP na Xunta.
O responsable socialista enumerou 50 escolas galegas que reportan casos de “rateos insuficientes, profesorado compartido entre centros e retrasos inxustificados na cobertura das prazas” e que representan unhas eivas xeneralizadas “de norte a sur e de leste a oeste”.
Esta realidade de centos de alumnos que non teñen apoio malia contar con ditame recoñecido e que acoden a centros nos que a falla de recursos humanos mínimos limita gravemente limitada contradí de maneira frontal o discurso oficial da Xunta de Galicia sobre inclusión educativa e atención individualizada.
Aitor Bouza sinalou que o sistema educativo público galego precisa de máis apoio e máis recursos para que tódolos nenos e nenas poidan desenvolver plenamente as súas capacidades en igualdade de condicións, e o contrario supón “unha vulneración flagrante dos seus dereitos”.
Menos anuncios e máis compromisos
O portavoz de Educación esixiulle ao goberno galego “menos anuncios e máis compromisos” e “políticas reais” para garantir que as familias poidan desgravar o material escolar que pagaron en efectivo. Aludiu ao anuncio feito esta mesma semana polo presidente da Xunta na rolda de prensa despois do Consello, afeándolle que tiveran ocultado ás familias que o material non podía ser pagado en efectivo porque quedarían sen o apoio do goberno galego.
O responsable socialista comezou a intervención sinalando a recente agresión homófoba a un árbitro alemán por terlle pedido matrimonio publicamente ao seu mozo, que amosa, dixo, a importancia da educación nos valores da tolerancia e a igualdade.