
Carmen R. Dacosta reclama medidas para garantir a corresponsabilidade de homes e mulleres e frear a “desigualdade estrutural”
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamou hoxe un Plan de choque para reducir a fenda salarial entre homes e mulleres. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei -que será votada mañá- para rematar coa “desigualdade estrutural” que prexudica ás mulleres galegas ao longo de toda a vida laboral e que comeza por que sexan as terceiras que menos cobran en todo o Estado.
Con motivo da celebración inminente do 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, Dacosta presentou datos fronte ás mensaxes negacionistas que cuestionan a loita contra a igualdade. Lembrou que as mulleres galegas cobran ao ano 4.326 euros menos ao ano que os homes polo mesmo traballo, asumen o 91,3 por cento dos traballos a tempo parcial por coidado de menores, maiores ou dependentes e preto do 90 por cento das excedencias por coidado familiar.
Esta desigualdade esténdese ao longo de tódalas etapas laborais, freando a carreira laboral das mulleres, dende o momento en que o 40,3 por cento das traballadoras cobran por debaixo do SMI fronte o 28,1 por cento dos homes, ata que chegan á xubilación e cobran un 32,6 por cento menos de pensión, o que supoñen unha media de 490,65 euros menos cada mes.
A responsable socialista apuntou que o problema pode e debe reducirse “con políticas públicas ambiciosas”, porque “cando hai maior regulación, maior transparencia e control, a desigualdade redúcese”. Esixiulle ao goberno galego que asuma as súas responsabilidades e actúe sobre a raíz do problema comezando por poñer en marcha antes do verán dun Plan de choque específico contra a fenda salarial.
Reclamou a convocatoria do Consello Galego de Emprego para levar a cabo unha avaliación exhaustiva das diferenzas de xénero nas excedencias e reducións de xornada por coidados en Galicia. A partir das conclusións deste estudo, o goberno galego deberá poñer enriba da mesa un conxunto de medidas concretas de políticas de emprego orientadas a reducir o sesgo de xénero á hora de asumir os coidados de maiores, menores ou dependentes.
Acusou ao PP de “asumir como normal unha desigualdade que penaliza ás mulleres no presente e as empobrece no futuro”, e emprazou a empregar o último Pleno antes da celebración do 8 de marzo para “deixar de mirar cara outro lado mentres a desigualdade se consolida” e “dar un paso adiante en favor da igualdade real no emprego”.