Patricia Iglesias alerta de que o Sergas deriva a clínicas privadas máis da metade da atención sanitaria pública da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco
A portavoz de Calidade Democrática do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamou hoxe “responsabilidades políticas e administrativas” pola externalización irregular sistemática dos servizos sanitarios en Ourense. Iglesias presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Economía do Parlamento para reclamarlle á Xunta que garanta a legalidade na prestación de servizos sanitarios, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista presentou as conclusións do informe do Consello de Contas presentado en 2024 sobre a situación nesta área sanitaria, e que concluía alertando do incremento sen paliativos da externalización das prestacións a favor da sanidade privada e as infraccións na contratación dos centros privados sen cobertura legal.
Iglesias esixiulle ao goberno galego que revise tódalas autorizacións que incumpran coa Lei de Saúde de Galicia e garanta os principios de concorrencia, publicidade e transparencia nas licitacións abertas. Tamén reclamou unha instrución normativa que regule esta autorizacións de maneira estrita e garanta a asunción de responsabilidades políticas e administrativas polas irregularidades graves nestas contratacións.
Acusou ao goberno galego de estar a executar a “decisión estrutural non puntual de apostar pola privatización sen reservas da sanidade”, como confirma o Consello de Contas. O ente fiscalizador alerta do abuso da externalización sinaladamente na atención en centros hospitalarios, as probas diagnósticas, hemodiálise, terapia respiratoria a domicilio e transporte sanitario non urxente.
Alerta de que o gasto nesa asistencia na área sanitaria de Ourense supuxo un custe de 17,6 millóns de euros só no ano 2022, cunha concentración do 88 pro cento do gasto nos hospitais privados Centro Médico El Carmen e Cosaga.