

Carmen R. Dacosta critica o “estancamento” na xestión do PP que condena a Ourense á “cola de Galicia” sen afrontar os problemas de despoboamento, envellecemento, precariedade dos servizos e desigualdade territorial
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiu hoxe que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2026 garantan a reconstrución do territorio afectado polos incendios. Así o dixo na comparecencia do presidente da Deputación de Ourense no Parlamento para dar conta dos Orzamentos do ente provincial para o próximo ano, que aínda non foron presentados formalmente no ente.
Carmen R. Dacosta criticou que a Deputación continúe “ausente”, e tres meses despois dos peores incendios rexistrados en Galicia, que arrasaron máis de 170.000 hectáreas en Galicia, 150.000 só en Ourense, segue sen Plan de emerxencias, sen coordinación e sen apoio efectivo aos concellos. Reclamoulle ao PP que aproben a proposta do Grupo Provincial Socialista, que presentou un Plan de 50 medidas para a recuperación cun investimento de 70 millóns de euros entre 2025 e 2030.
Reclamou axudas directas ás familias, investimentos específicos para a recuperación ambiental e a prevención de futuros incendios, e apoio aos sectores produtivos e programas de atención social, porque, dixo, “a Deputación ten a obriga moral e institucional de liderar a recuperación da provincia”.
Lamentou que a xestión da Deputación por parte do PP fracasa na transformación da provincia, fracasa no combate ao despoboamento, falla no apoio a concellos e sectores produtivos, e elude a modernización da administración para que sexa eficiente e transparente. Advertiu que “Ourense non pode seguir á cola” de Galicia, porque os ourensáns e ourensás “merecen uns servizos dignos, un rural vivo e unha Deputación que sexa motor de desenvolvemento.
Plan único
A responsable socialista reclamou o incremento do Plan CooperOu, aprobado por iniciativa do Grupo Provincial Socialista para crear un Plan único de financiamento dos Concellos, pero que resulta “insuficiente e perpetúa a dependencia” dos entes locais, lastrados polas subvencións nominativas “a dedo”.
Criticou que o PP está a perpetuar o “estancamento” da provincia e busca unicamente funcionar como “aparato de autoconservación política” e perpetuar “o despilfarro, o clientelismo e a falta de planificación”. Criticou a un PP “instalado nun modelo de despacho e de opacidade”. Dacosta esixiu “menos escenografía e máis acción” política que “desatende” ás “verdadeiras emerxencias” da provincia