

Silvia Longueira alerta da situación “insostible” do sistema, co “persoal esgotado, centros ateigados e as esperas en Dependencia cronificadas de xeito irreversible”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiu hoxe o cese do equipo completo de Política Social para “afrontar a falla de liderado e de dirección” que está a padecer a Consellería. Longueira presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reemprazar ao equipo de Fabiola García diante da “situación insostible” de “colapso” do sistema de Servizos Sociais, pero que foi rexeitada polo PP.
Enumerou as eivas na xestión da Consellería, co persoal de servizos sociais “esgotado”, con salarios “por debaixo de convenio”, mentres os centros de maiores permanecen “ateigados” e as esperas na dependencia “teñen cronificado de xeito irreversible”. Criticou ademais que “non exista en Galicia unha igualdade de trato” nos servizos sociais, que responde de xeito diferente aos mesmos problemas, “provocando unha desigualdade endémica no territorio”.
A responsable socialista enumerou os problemas provocados pola estratexia do PP de “enmagrecer ao máximo posible a estrutura do sistema público de servizos sociais”, que queda reducido á mínima expresión. Así, á falla de prazas nas residencias de maiores súmase o peche da vivenda comunitaria San Gabriel de Xinzo e da residencia privada Xardín de Amoeiro por “faltas graves no coidado dos maiores,, irregularidades laborais e deficiencias hixiénico – alimentarias”.
Ao mesmo tempo, Galicia pasou a ser unha das comunidades autónomas con máis lista de espera para acadar a primeira valoración da Dependencia, con zonas nas que aínda hai “solicitudes de 2023 sen abrir”. Longueira denunciou que estean a cargar nos concellos o pago do Servizo de Axuda no Fogar para o que non teñen recursos e que ademais é competencia da Xunta, mentres se negan a sentarse coa Fegamp para resolver o colapso no sistema.
Explicou que o PP vén de rexeitar 23 millóns de euros procedentes da UE para construír novas escolas infantís cando “está a gastar catro veces máis cartos nas prazas das escolas privadas que as municipais ou da Xunta”. Sinalou que “tratan de eliminar o modelo público de escolas infantís, derivando e costeando os negocios privados das escolas infantís”.
Longueira acusou ao goberno galego de converter ao terceiro sector e aos concellos en “financiadores” do servizo da discapacidade, obrigando ás entidades a pedir créditos para facer fronte ao pago de salarios e gastos habituais, co que as teñen “amarradas” afrontando unha situación económica “límite”.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que presente nun prazo dun mes un novo equipo á fronte da Consellería de Política Social “que afronte a falla de liderado e de dirección” deste departamento. Pediu ademais que presenten as liñas de acción para poñer freo aos problemas derivados do seu desleixo e que “afectan de forma transversal á poboación galega, tanto no eido da terceira idade, como na infancia e a discapacidade”.