O responsable autonómico de Loita contra a Violencia de Xénero tamén asegurou que, “en moitos casos, un dos motivos ou detonantes que levou ao agresor a acabar coa vida da muller foi a decisión dela de deixalo e poñer fin á relación que mantiñan”
Paloma Castro critica que o Goberno de Rueda poña o foco, “unha vez máis”, na vítima e non no agresor, tras a campaña que invitaba ás mulleres a non saír a correr soas e a despedida que se lle brindou a un conselleiro “denunciado por agresión”
A portavoz socialista de Igualdade, Paloma Castro, reclamou hoxe explicacións á Xunta ante as afirmacións do director xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, nas alegacións que o seu departamento presentou ao informe do Consello de Contas sobre as actuacións en materia de prevención durante o período 2018-2022. A deputada do PSdeG cualificou de “gravísimas e absolutamente intolerables” varias das ideas que traslada na súa resposta ao órgano fiscalizador a persoa “que debe ser o garante das políticas contra a violencia machista en Galicia”.
Así, segundo consta no documento de xeito literal, o director xeral sostén que, “lamentablemente, o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non ten unha relación directa, causa-efecto, coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero”. Porén, tal como subliñou Paloma Castro, “precisamente a sensibilización e a educación son o camiño para rematar coa violencia machista”. Nese senso, insistiu en que a prevención “é vital”, tal como defenden os e as socialistas. “As políticas nesta materia non se poden basear unicamente en paliar o dano unha vez que está causado”, remarcou.
Castro foi moi crítica con outra das expresións que figuran no texto asinado por Barba, como é que “na análise interinstitucional dos asasinatos por violencia de xénero revélase que, en moitos casos, un dos motivos ou detonantes que levou ao agresor a acabar coa vida da muller —e tamén ás veces a suicidarse el despois— foi a decisión dela de deixalo e poñer fin á relación que mantiñan”. A deputada socialista censurou que, con este tipo de expresións, “a Xunta pon unha vez máis o foco na vítima, e non no agresor como debera”, tal como aconteceu antes coas campaña que invitaba ás mulleres a non saír a correr soas ou coa despedida que se lle brindou a un conselleiro “que tivo que abandonar o seu cargo tras unha denuncia por agresión sexual”.
“Por enriba, o que tamén amosa o informe do Consello de Contas é que o Goberno de Rueda carece dun plan contra a violencia de xénero e deixa sen executar fondos para ese fin por valor de catro millóns de euros”, advertiu Paloma Castro. “Desde o Grupo Socialista esiximos de inmediato unha rectificación tanto do xeito de desenvolver as políticas contra a violencia de xénero como das afirmacións do director xeral”, concluíu a deputada do PSdeG.