A voceira de Igualdade, Paloma Castro, denuncia a “gravidade extrema” de que o presidente da Xunta coñecera desde febreiro a investigación por agresión sexual e gardara silencio
A deputada socialista amosa a solidariedade dos e das socialistas coa vítima e expresou a súa condena firme á filtración do seu nome, “unha vulneración intolerable da súa intimidade porque ser unha persoa mediática non lle resta dereito á protección”
O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou esta mesma mañá unha batería de iniciativas parlamentarias para que Rueda explique desde cando coñecía a denuncia, por que non actuou e por que decidiu agochala
O Grupo Parlamentario Socialista esixiu hoxe explicacións inmediatas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por agochar durante meses que o seu conselleiro do Mar estaba sendo investigado por unha presunta agresión sexual. A voceira socialista de Igualdade, Paloma Castro, advertiu de que “a dimisión de Villares non pecha nada” e recalcou que “Rueda sabía, e non fixo nada”.
Castro condenou a ocultación dun feito “dunha gravidade extrema” por parte do presidente da Xunta, que tivo coñecemento da investigación desde febreiro e permitiu que o conselleiro seguise exercendo como se nada ocorrera. “O que fixo Rueda foi agachar, tapar e esperar que non transcendera. Ese silencio é inasumible e require explicacións políticas inmediatas”, advertiu.
A voceira socialista amosou tamén a súa solidariedade coa vítima e expresou a súa condena firme á filtración do seu nome, “unha vulneración intolerable da súa intimidade”. “Ser unha persoa mediática non lle resta dereito á protección”, lembrou, e reclamou que se investigue quen filtrou esa información.
“A prioridade non pode ser a protección do denunciado, como está a facer o Partido Popular, senón garantir os dereitos da vítima e a súa seguridade”, indicou Castro, que denunciou o “cinismo” e a “hipocrisía” do goberno galego, “que agora pretende presentar como un acto de responsabilidade unha dimisión que só se produciu cando a Villares xa non lle quedaba outra saída”.
Neste sentido, a deputada socialista criticou tamén as declaracións de representantes do PP como Paula Prado, Elena Candia ou o propio presidente Rueda, que cualificou como “exemplos do que nunca se debe facer ante un caso como este”.
O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou esta mesma mañá unha batería de iniciativas parlamentarias para que Rueda explique desde cando coñecía a denuncia, por que non actuou e por que decidiu agochala. “Non vale con quedar calado, nin con mirar para outro lado. Ten que dar a cara e pedir desculpas á cidadanía”, concluíu.