As e os socialistas consideran gravísimo que un membro do Goberno galego se dirixa con esa actitude autoritaria a unha representante electa, máis aínda diante de testemuñas, o que supón unha desconsideración inaceptábel tanto cara á deputada afectada como cara ao propio Parlamento de Galicia
O Grupo Parlamentario Socialista reclama unha rectificación pública e desculpas oficiais do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tras faltarlle ao respecto a unha deputada socialista ao mandarlle calar nun encontro con traballadores da Función Pública, no que tamén estaban presentes deputados e deputadas doutros grupos parlamentarios.
As e os socialistas consideran gravísimo que un membro do Goberno galego se dirixa con esa actitude autoritaria a unha representante electa, máis aínda diante de testemuñas, o que supón unha desconsideración inaceptábel tanto cara á deputada afectada como cara ao propio Parlamento de Galicia.
“O conselleiro non pode amparar comportamentos que vulneran as máis mínimas normas de respecto institucional e democrático. Esixímoslle unha rectificación inmediata e desculpas oficiais”, sinalaron desde o Grupo Socialista.
O PSdeG lembra que a política debe fundamentarse no diálogo e no respecto ás institucións e ás persoas, e non en ordes de silencio nin en menosprezos persoais. Por iso, instan ao conselleiro Corgos a desculparse tanto coa deputada afectada como co conxunto da Cámara galega e cos traballadores da Función Pública que foron testemuñas deste episodio.