Carmen R. Dacosta presenta unha batería de iniciativas parlamentarias para frear a decisión do Sergas ata que poidan garantir as condicións de seguridade, intimidade e calidade asistencial
A parlamentaria socialista ourensá Carmen Rodríguez Dacosta anunciou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que paralice de inmediato o traslado do servizo de partos ao novo paritorio provisional do CHUO. Dacosta reclama frear esta decisión “ata que poidan garantir as condicións de seguridade clínica, intimidade e calidade asistencial para as mulleres ourensás e os seus fillos”.
A responsable socialista reclámalle ao Sergas que atenda ás alegacións e peticións do equipo profesional do centro, que o 2 de xullo presentou un escrito alertando das serias deficiencias que presenta o paritorio provisional. Dacosta alerta de que a situación descrita supón unha vulneración dos dereitos das mulleres en situación de especial vulnerabilidade e incumpre as recomendacións clínicas, protocolos de seguridade e estándares mínimos de calidade asistencial esixidos pola OMS.
Os profesionais sanitarios alertan da falla de privacidade, ausencia de lavabos e auga corrente nas salas de dilatación, aseos insuficientes sen ducha, un control de enfermaría mal dimensionado, así como espazos asistenciais e circuítos clínicos inadecuados. Ademais sinala que o paritorio provisional carece de equipamento básico e espazo de almacenaxe, e a sala de Espertar non ten as condicións mínimas para atender ás mulleres logo dunha cesárea.
Dacosta apunta que “non é a primeira vez que nos vemos na obriga de denunciar a falta de planificación do Sergas, e a ausencia de diálogo co persoal sanitario implicado” para garantir a protección dos dereitos das mulleres e da calidade asistencial no CHUO.