

Silvia Longueira advirte de que a aposta da Xunta polos bonos coidado “substitúe dereitos por parches e exime á Administración das súas obrigas”
A deputada socialista denuncia que a centralización en Santiago do servizo de emerxencia da Dependencia “afasta a atención das familias e agrava o colapso asistencial”
A deputada Silvia Longueira denunciou este mediodía na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia que o sistema galego de dependencia vive “unha situación límite” tras confirmarse que Galicia é a cuarta comunidade de España con maiores retrasos, cunha media de 349 días para resolver unha solicitude. Subliñou que esta cifra, lonxe de mellorar, aumentou respecto aos datos do mes de xuño, confirmando unha deriva crecente e preocupante.
Longueira advertiu de que nunca houbo tantos recursos dispoñibles e nunca foron tan mal xestionados, e acusou á Consellería de Política Social de operar sen planificación nin coordinación, incumprindo a obriga legal de contar cun Plan Estratéxico de Servizos Sociais. “É un modelo que leva 15 anos acumulando improvisación, colapsos e retrocesos en dereitos”, afirmou.
A parlamentaria puxo o foco nun dos efectos máis graves desta situación: a derivación masiva de persoas dependentes aos hospitais, onde poden permanecer ata tres meses agardando unha praza residencial por falta de alternativas da propia Xunta. “A Xunta está colapsando parte do sistema sanitario con ingresos sociais que non responden a motivos clínicos, senón á incapacidade da Consellería de ofrecer os recursos que marca a lei”, denunciou.
Longueira explicou que a Xunta decidiu centralizar en Santiago o servizo de emerxencia da Dependencia, afastándolo da proximidade dos concellos e dos usuarios. Advertiu de que esta decisión está a provocar tempos de resposta máis longos e intervencións descoordinadas: “No canto de reforzar a atención no territorio, afastan o servizo das familias e converten unha emerxencia social nun trámite distante e lento”.
Ademais, denunciou que esta centralización está producindo desprazamentos inxustificados de persoas maiores, que son asignadas a prazas en puntos afastados da súa contorna habitual. “Estamos vendo usuarios enviados á outra punta de Galicia, mesmo cruzando concellos onde existen recursos equivalentes. É unha ruptura innecesaria coa súa rede, co seu entorno e coa súa vida cotiá”, subliñou.
A deputada fixo fincapé tamén na saturación do Servizo de Axuda no Fogar, que obriga a numerosos concellos a limitar a atención aos usuarios de grao III, mentres persoas de grao I e II quedan sen apoio. Engadiu que esta situación está a xerar tensións coas administracións locais, que están asumindo parte dos custos dun servizo que corresponde á Xunta.
Longueira criticou con contundencia que, fronte a este panorama, a Xunta continúe apostando polos bonos coidado no canto de reforzar servizos públicos, inspeccións e valoracións. Asegurou que esta política “substitúe dereitos por parches” e permite que a Administración “eluda as súas obrigas”. Tamén cuestionou a proliferación de macroresidencias privadas como resposta improvisada á falta de prazas públicas.
A deputada concluíu reclamando medidas inmediatas, concretas e con prazos verificables. “Que pensa facer a Consellería para reducir estes 349 días de espera e garantir que Galicia deixe de ser unha das peores comunidades na tramitación da dependencia? As familias non poden seguir soportando un modelo que funciona tarde, funciona mal e funciona a golpe de improvisación”