A deputada Lara Méndez acusa a Rueda de esconderse tras o PP mentres Galicia perde oportunidades: “Non sabemos que quere facer. Non ten proposta, non ten folla de ruta. Só escoitamos ‘quero máis’, pero logo non executan o que xa teñen”
A socialista sinalou que Feijóo é un político que máis que principios ten finais: “Sabe que esta é a súa última oportunidade, e por iso non lle importa romper nada: nin o consenso, nin as normas do xogo democrático”. Tamén lembrou que está á fronte dun partido con máis de 30 causas xudiciais abertas e que puxo en venta o BOE
“O momento é decisivo e Galicia vai á deriva”. Así comezou hoxe a súa rolda de prensa Lara Méndez, vicevoceira do Grupo Socialista, que anunciou a esixencia formal ao presidente Rueda para que compareza no Pleno extraordinario de agosto e dea conta da súa proposta de financiamento autonómico. “Non sabemos que quere facer. Non ten proposta, non ten folla de ruta. Só escoitamos ‘quero máis’, pero logo non executan o que xa teñen”.
Méndez denunciou que Rueda está desaparecido no debate máis importante dos últimos anos para Galicia: o do novo modelo de financiamento. “Está mudo porque non manda el. Galicia non pode seguir refén dun presidente sen autonomía, que antepoñe os intereses do PP ás necesidades da xente”.
A vicevoceira do Grupo Socialista recordou que Galicia xa recibe máis recursos grazas aos fondos europeos e aos tributos do Estado, pero que a Xunta nin os executa nin os xestiona con eficacia. “Devolveron 22 millóns de euros para escolas infantís, rexeitaron 380 millóns en vivenda e só executan unha mínima parte do que chega de Europa. E mentres, reclaman máis. É irresponsable.”
Fronte a iso, os socialistas propoñen un modelo serio, pensado para Galicia, baseado en dous principios: solidariedade e autogoberno. “Queremos un financiamento suficiente que teña en conta a realidade do noso país: a dispersión, o avellentamento e a perda de poboación. Queremos recursos para o que importa: vivenda digna, atención sanitaria, máis pediatras, educación pública, apoio á dependencia e impulso económico.”
Méndez puxo tamén o foco nos concellos, que cualificou como “a primeira liña da política útil e próxima”. “A Xunta está a desentenderse das súas responsabilidades e cargando sobre os concellos funcións que non lles corresponden, sen aportar financiamento. Iso ten que rematar.”
Feijóo ten finais, non principios
A vicevoceira socialista amosouse “moi preocupada” pola entrevista de Feijóo esta fin de semana: “Dime do que presumes e direiche do que careces. Di que non ten ansiedade, pero xa anunciou que poñerá a alfombra vermella á ultradereita con tal de gobernar. Xa o fixo en Galicia, e farao en España se lle deixamos.”
“Feijóo é un político que máis que principios ten finais. Sabe que esta é a súa última oportunidade, e por iso non lle importa romper nada: nin o consenso, nin as normas do xogo democrático.”
Méndez considerou “sorprendente” que Feijóo fale agora de limpeza: “Falamos do amigo de Marcial Dorado e de Pachi Lucas. E ademais minte cando di que no seu goberno non houbo imputados. Claro que os houbo: no caso Campeón, na operación Patos e na Pokémon. Todos os galegos e galegas lembramos eses nomes e esas causas.”
A vicevoceira advertiu de que “Feijóo está á fronte dun partido con máis de 30 causas xudiciais abertas, un partido que permitiu que o ministro Montoro puxera o BOE en venda para favorecer intereses privados. E isto é só o principio”.
Non imos permitir que se poña en risco ó sector primario galego
A preguntas dos xornalistas, Méndez advertiu das consecuencias que pode ter para Galicia a proposta de recorte de fondos europeos para o sector primario. “Falamos dunha rebaixa brutal: da PAC, que pasaría de 80.000 a 58.000 millóns de euros; e do fondo para a pesca, que se reduciría de 6.000 a 2.000 millóns. É un golpe directo ao campo e ao mar galego.”
A vicevoceira socialista lembrou que a proposta sae dunha Comisión Europea dominada polo Partido Popular Europeo, e que cómpre actuar con firmeza. “Aínda que esa proposta non chegue a aplicarse nos termos máis extremos, todo apunta a que haberá recortes. E calquera recorte é unha mala noticia para Galicia.”
Méndez confiou en que o Goberno central actúe con determinación para frear esta deriva. “O ministro Planas, como fixo ata agora, defenderá o sector primario. E o PSdeG tamén: Galicia non pode permitir máis recortes naquilo que a sostén”.
Santalices actúa como un militante máis
Por último, preguntada polas declaracións de Miguel Santalices, presidente do Parlamento, Méndez criticou o seu “cinismo político”: “Non se pode pedir menos crispación e ao tempo alimentar bulos. O presidente do Parlamento debería representar a todos, non actuar como un militante máis”, dixo.