Aitor Bouza advirte da existencia de “graves deficiencias” nas instalacións, como filtracións, deterioro estrutural, problemas de accesibilidade e falta de mantemento básico
O deputado do PSdeG denuncia que esas eivas se unen aos problemas co propio servizo de buses, que padecen usuarios e usuarias “que quedan tirados nas paradas”
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia vén de reclamarlle á Xunta que acometa “de maneira inmediata” unha rehabilitación integral da estación de autobuses de Ferrol, “incluíndo melloras estruturais, de accesibilidade, de confort, de iluminación, de seguridade e de servizos para as persoas usuarias”. Aitor Bouza denunciou esta mañá en comisión a existencia de “graves deficiencias” nas instalacións, entre as que citou filtracións de auga, deterioro estrutural, problemas de accesibilidade e falta de mantemento básico, e que resumiu nun “evidente estado de abandono que leva anos xerando queixas continuas”.
O deputado do PSdeG recordou que o edificio é “unha infraestrutura estratéxica para a mobilidade da comarca”, como tamén para as comunicacións interurbanas e autonómicas desde a área de Ferrolterra. Sinalou que o seu deterioro afecta á calidade do servizo e ás condicións de espera de viaxeiros e viaxeiras, “moitas delas, persoas maiores, estudantes ou traballadores e traballadoras que utilizan a diario o transporte público”.
Lamentou, ademais, que o estado da estación afecta tamén “á propia imaxe da cidade como nodo de comunicacións” e reclamou neste sentido que “pasemos de The Walking Dead a unha estación digna”, aludindo á coñecida serie de televisión que representa unha apocalipse zombi.
Bouza recordou que o mantemento e modernización dese tipo de instalacións “é competencia directa da Xunta”, que debera ter resolto unha situación “que se arrastra ano tras ano sen que exista un plan serio e dotado de recursos” para acometer os arranxos necesarios para poñer fin a “unha precariedade impropia dunha infraestrutura pública fundamental”.
O parlamentario socialista recriminoulle á xunta que a problemática da propia estación se une ás eivas que ten o propio servizo de transporte público na comarca, con buses que non pasan nas frecuencias establecidas e usuarios e usuarias “que quedan tirados nas paradas” sen que apareza o seu autobús.
“O Goberno de Rueda ten que executar de inmediato unha actuación integral que devolva á estación de autobuses de Ferrol unhas condicións dignas, seguras e acordes ás necesidades da cidadanía”, reclamou Aitor Bouza, e demandou tamén que os Orzamentos autonómicos incorporen unha partida específica “suficiente” para garantir a execución desas obras “sen máis atrasos nin escusas”.