Silvia Longueira defende a cultura de base despregada polas pequenas fundacións porque “non somos un blockbuster nin vivimos na festividade permanente”
A portavoz de Cultura e Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, emprazou hoxe ao goberno galego que deixe dunha vez a “pancarta” de Galicia Bilingüe en contra do galego que colleu Alfonso Rueda en 2009 “mandado por Feijóo”. Longueira interveu na comparecencia do conselleiro de Cultura no Parlamento para reclamarlle que deixen de empregar á lingua como “ferramenta política”.
A responsable socialista criticou que fora o propio PP quen rompera en 2009 o consenso en torno ao galego, o que derivou na aprobación en solitario do Decreto do Plurilingüismo no ensino ata que, o pasado ano, o uso do galego caera por debaixo do castelán por primeira vez dende que hai datos rexistrados. Reclamoulles que “non volvan xogar” co acordo e acepten a man tendida dos socialistas galegos para facer da lingua unha “cuestión de Estado”.
Longueira emprazou ao conselleiro a “derrogar o Decreto” do Plurilingüismo e acadar un punto de acordo “inamovible” como están a demandar institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou o Instituto Padre Sarmiento. A parlamentaria socialista retrucoulle ao conselleiro sinalando que “en vez de tanto ser referentes, sexamos sensatos e acabemos con este discurso” de confrontación para comezar a “tirar para adiante” ao “unísono”.
Apuntou que o PSdeG está a participar coa mellor vontade nas xuntanzas organizadas polo goberno galego no Gaiás para buscar acordo en torno ao galego. Lembrou que a defensa das linguas minoritarias é un mandato da UE, e reclamou que deixen de “darlle voltas á perdiz” para “vir e facer 20.000 horas de viaxe submarino e non chegar a ningunha parte” porque, resumiu, “trátase de que traian aquí un pacto con tódalas forzas e acabemos con esta situación.
Blockbuster
A responsable socialista criticou a estratexia de anuncios grandilocuentes do goberno galego con relación á cultura galega porque, dixo, “a cultura non é cuestión de blockbusters, non vivimos na festa permanente”. Longueira deulle un baño de realismo ao conselleiro para reivindicar o traballo das pequenas fundacións que “están facendo cultura no territorio” convertido nun “territorio desolado” ao carecer do apoio da Xunta.
Afeoulle que esquezan ás entidades de base que “dan servizo no territorio” malia que “non son o Gaiás”, que teñen convertido no “gran mal” da cultura galega. Reclamou mudar o discurso centrado nos acontecementos para centrarse “no país e nunha sociedade formada e culta” xa que a día de hoxe “ninguén sabe quen son Seoane ou Castelao máis alá da efeméride”.