

Paloma Castro alerta de que o goberno galego leva 8 anos eludindo aplicar o acordo asinado co Consello da Avogacía para actualizar o financiamento destas entidades e garantir un dereito “digno, eficaz e á altura das necesidades da cidadanía”
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao PP de amosar un “novo desprezo á xustiza” ao votar en contra da proposta que presentou hoxe na Comisión Institucional do Parlamento para actualizar as achegas económicas da Xunta aos colexios da avogacía pola prestación do funcionamento operativo dos servicios de asistencia xurídica gratuíta. Castro reclamou unha compensación “suficiente” para manter unha xustiza gratuíta “digna, eficaz e á altura das necesidades da cidadanía”.
Castro lembrou que a Xunta leva oito anos se aplicar o acordo asinado co Consello da Avogacía de Galicia en 2017 para actualice as achegas económicas aos colexios da avogacía, que están a asumir con fondos propios en torno á metade do custe das quendas de oficio. Mentres tanto, o goberno galego está á cola en investimento en xustiza cun 30 por cento por baixo da media do Estado.
Advertiu que as contías que financia a Xunta “non teñen relación co custe real da xestión administrativa”, e lembrou que o goberno galego comprometeuse en 2017 a compensar aos colexios da avogacía cunha contía fixa por cada expediente de asistencia xurídica gratuíta que xestionan. Deste xeito adaptarían o financiamento á carga real de traballo, dando estabilidade económica aos colexios e garantindo un servizo moderno e eficaz.
Explicou que os colexios da avogacía, coordinados polo Consello da Avogacía Galega, son os encargados de xestionar este servizo fundamental que require persoal cualificado, medios materiais e ferramentas modernas. Entre as súas tarefas atópanse a organización das quendas, a verificación e tramitación das solicitudes, control das designacións a xestión dos pagamentos e o seguimento administrativo das actuacións profesionais.
A responsable socialista reclamou actualizar a achega do goberno galego para que sexa “xusta, suficiente e acorde co custe real da xestión do servizo e o aumento da demanda e da carga de traballo. Alertou de que sen un financiamento adecuado “non hai quenda de oficio de calidade, e sen quenda de oficio non hai igualdade real no acceso á xustiza”.
Emprazou ao goberno galego a cumprir co acordo de 2017 que derivou no Regulamento de asistencia xurídica gratuíta aprobado por Decreto e a abrir vías de diálogo sentándose cos profesionais da quenda de oficio para escoitar as súas reclamacións e garantirlles un financiamento suficiente, equilibrado e xusto polo seu traballo.