Carmen Rodríguez Dacosta advertiu que á conselleira de Medio Rural “quédalle grande o traxe”
A deputada do PSdeG criticou que o Goberno de Rueda ignorase todas as advertencias previas e deixase sen executar 8,4 millóns de euros “mentres Galicia ardía”
Cualificou de “irresponsabilidade” enviar a persoal con só 16 horas de formación a combater incendios de sexta xeración
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta criticou hoxe en comisión parlamentaria que a Xunta do PP non mostre ningunha intención de modificar as políticas que vén aplicando na loita contra os incendios forestais. Para Dacosta, esa actitude é especialmente grave despois da vaga de lumes que acaba de arrasar Galicia, e que se produciu “malia as advertencias constantes de expertos, sindicatos, universidades, colexios profesionais e mesmo deste grupo parlamentario”. Pero a Consellería de Medio Rural non fixo o necesario para preparar a tempada de alto risco. “Esa é a realidade”, sinalou sobre o feito de que o Goberno de Rueda ignorase todas esas alertas.
E “mentres Galicia ardía”, a Xunta deixara sen executar 8,4 millóns de euros destinados á prevención. Por exemplo, montes veciñais e comunidades de montes “seguen agardando actuacións pendentes desde xaneiro”, asegurou.
Dacosta comezou a súa intervención cun recoñecemento a todas as persoas que combateron o lume “en condicións extremas” e deron “o mellor de si”, desde profesionais ata voluntarios e veciños e veciñas “que coas súas mans impediron que ardesen casas”. De todos eles destacou “a súa entrega, sen medios e moitas veces sen apoio”, para parar os incendios. De feito, “a propia Xunta xa recoñece máis de 120.00 hectáreas queimadas” en 62 concellos, “con enormes danos persoais, ambientais, económicos e sociais”. Só na provincia de Ourense, “aproximadamente un 15 % da superficie foi arrasada”, lembrou.
A deputada dixo que non se poden admitir “nin evasivas nin desculpas” por parte do Executivo do PP ante a falta de prevención nos montes galegos “e as consecuencias dramáticas que esa ausencia de planificación e xestión ten para a cidadanía, para o territorio e para o futuro económico e ambiental de Galicia”. Tal como apuntou, a comunidade “entrou no verán máis negro da súa historia forestal sen a mínima prevención feita, con centos de vacantes sen cubrir no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios, con brigadas minguadas e sen instrucións claras para os distritos”. O resultado foi que o lume “arrasou o territorio, puxo en perigo vidas humanas e deixou en evidencia un modelo esgotado e ineficaz”.
Carmen Rodríguez Dacosta repasou as eivas dese modelo, comezando polas “advertencias ignoradas”. Recordou que tras a vaga de lumes de 2017 o Parlamento aprobou un ditame con 123 propostas que dous anos máis tarde se concretaron nun documento de recomendacións elaborado por expertos. As conclusións foron que era preciso reformular o servizo de prevención e extinción, apostar pola prevención continua “como eixo central” e impulsar unha ordenación “real” do territorio. “Esas propostas non se cumpriron. A Xunta ignorou as recomendacións, e esa irresponsabilidade é a que nos trouxo ata aquí”, censurou.
Por outra banda, a deputada criticou a “paralización” da lei de loita integral contra os incendios forestais que se anunciou en 2021, e que incluía medidas “que hoxe serían determinantes”, como a creación de paisaxes mosaico “que funcionasen coma barreiras naturais contra o lume”, a recuperación de terras abandonadas para usos agrícolas e gandeiros ou a ampliación das franxas de seguridade.
A iso uniu que o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (SPIF), a “columna vertebral” da defensa contra o lume, chegou ao verán “con centos de vacantes sen cubrir”. Entre outros “datos demoledores”, enumerou a existencia de 200 prazas baleiras e a existencia de 70 brigadas menos que hai catro anos. “Como consecuencia, brigadas que deberían ter sete compoñentes traballaban só con tres, sen capacidade nin seguridade”, e persoal de nova incorporación, con só 16 horas de formación, “foi enviado a loitar contra incendios de sexta xeración, con chamas de vinte metros e enerxías imposibles de combater cos medios dispoñibles”. “Iso é unha irresponsabilidade”, denunciou.
Rodríguez Dacosta extendeu as súas críticas á falta de planificación nos distritos forestais, “sen instrucións claras, nin obxectivos concretos, nin coordinación para facer os traballos preventivos no inverno e primavera”, e á falta de execución orzamentaria, e, polo tanto, o bloqueo de proxectos e actuacións “para reducir biomasa e poñer en valor o territorio”, entre outros obxectivos.
A todo iso sumouse “outro factor: o cambio climático”, con temperaturas que contribuíron ao “verán negro de Ourense”, onde se rexistraron “os tres maiores incendios da historia de Galicia”, como foron os de Larouco, Chandrexa de Queixa e Oímbra.
Ante o que cualificou de “irresponsabilidade política”, Carmen Rodríguez Dacosta botou en falta que o Goberno galego explique se, de cara ao próximo ano, ten pensado aplicar medidas directas para realizar as actuacións preventivas “con antelación suficiente”, antes do inicio da tempada de alto risco, e se prevé habilitar liñas extraordinarias de apoio a aqueles concellos e comunidades de montes que se viron prexudicados pola falla de execución dos orzamentos preventivos.
A parlamentaria do PSdeG afirmou que o que queda demostrado é que á conselleira de Medio Rural “quédalle grande o traxe”. “O abandono, a improvisación e a propaganda non apagan lumes nin protexen á cidadanía. O que precisamos é un servizo profesionalizado, estable, con prevención durante todo o ano, con planificación seria e con recursos humanos e materiais á altura do reto”, demandou.
“Falta de capacidade, xestión e liderado” de Rueda ante o recorte da PAC
Na Comisión de Agricultura interveu tamén Lara Méndez, que criticou a “xubilación anticipada” da PAC, impulsada polo PP. A deputada do PSdeG criticou a merma económica que ameaza á Política Agraria Común cando se cumpren 63 anos da súa creación, como tamén a súa reforma, proxectada a partir do ano 2028.
Méndez sinalou que a desaparición da estrutura actual das axudas, cos dous piares que son os Feaga e os Feader, “pon en risco a supervivencia de sectores produtores esenciais para o rural galego, como o vacún de carne e o de leite”. Trátase de recortes, dixo, “ao máis puro estilo do PP”, que controla a Comisión Europea coa súa maioría, e que serán “moi lesivos” para Galicia. Implican case 400 millóns de euros menos para o período 2028-2034, “algo que a comunidade autónoma non ten capacidade de asumir”.
Fronte a iso, a tamén viceportavoz segunda do Grupo Socialista reivindicou unha PAC “con orzamento suficiente e que responda ás necesidades reais dun sector imprescindible para garantir a seguridade alimentaria”, pero tamén para a fixación de poboación e o mantemento do territorio, algo directamente relacionado con situacións das que “temos experiencia”, como a vivida este verán debido á vaga de incendios.
Méndez destacou que o Goberno de España xa mostrou o seu descordo coa proposta da Comisión Europea, ademais de manter un “diálogo aberto” coas organizacións agrarias desde hai ano e medio. Mentres, a Xunta ten pendente convocar ao Consello Agrario Galego e Rueda vai “de paseo por Bruxelas”, mostrando “unha alarmante falta de capacidade, xestión e liderado”, lamentou.