Patricia Iglesias sinalou a “incoherencia” do PP, que reclama máis recursos ao Goberno central ao mesmo tempo que renuncia á condonación do pago de máis de 4.000 millóns e mantén “un modelo fiscal profundamente inxusto e insostible”
A deputada do PSdeG recordoulle ao conselleiro de Facenda que a Airef xa advertiu contra a redución dos ingresos públicos da comunidade autónoma, “por recadar menos do que debería a base de perdoarlles impostos aos que máis teñen”
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle hoxe ao titular autonómico de Facenda “menos obediencia a Feijoo e máis autogoberno fiscal responsable, porque Galicia non precisa un contable da rúa Génova, senón un conselleiro que a defenda”. A deputada do PSdeG sinalou na sesión plenaria desta mañá a “oportunidade histórica” que representa a quita da débeda que está a ofrecer o Goberno central, superior aos 4.000 millóns de euros e que equivale a practicamente un terzo do que adeuda a Xunta. Criticou, porén, que mentres tanto, nos vindeiros Orzamentos, o Executivo galego destine máis cartos a pagarlles aos bancos que a incrementar o gasto social.
“A condonación permitirá reducir débeda, rebaixar xuros e amortizacións e mellorar a capacidade financeira de Galicia”, afirmou Iglesias, que censurou que Rueda manteña a súa negativa porque aceptar “non lle convén a Feijoo”. Sinalou, ademais, que ese é o punto de partida para negociar un novo sistema de financiamento autonómico, porque son medidas “complementarias”. A parlamentaria do PSdeG animou ao Goberno galego a elaborar, ao respecto, “unha proposta ambiciosa, que atenda as singularidades de Galicia”, e comprometeuse a que nunha negociación neses termos “vai atopar o apoio dos socialistas”.
Patricia Iglesias cargou, por outra banda, contra a “absoluta incoherencia” dun Partido Popular que “mentres pide máis recursos ao Goberno de España, e mentres rexeita esa quita de máis de 4.000 millóns de euros de débeda pública, mantén un modelo fiscal profundamente inxusto e insostible”. Apoiou esa afirmación en que nos cálculos da Atriga o impacto desas bonificacións ascende a 731 millóns anuais “que deixan de entrar nas arcas públicas”. En tanto, “o 8 % máis rico acumula xa o 76 % do patrimonio”, salientou.
Destacou, nese senso, que tamén a Airef sinalou as políticas da Xunta, advertindo que Galicia pode incumprir a regra de gasto, “e non polo lado do propio gasto, senón polo dos ingresos públicos, é dicir, por recadar menos do que debería ao perdoar impostos aos que máis teñen”. “Manteñen 120 rebaixas fiscais e anunciaron cinco máis, continuando unha política que favorece a quen menos o precisa”, criticou dun “dumping fiscal” que segundo dixo o propio conselleiro só beneficia ao 4,2 % da poboación.
Iglesias avisou ao conselleiro de que as contas de Galicia “non son un PowerPoint de cifras como o de 24 páxinas que elaborou o equipo de Montoro investigado por organización criminal, e polo que a Xunta pagou máis de 20.000 euros”.
“Cando rexeitan 4.010 millóns de euros de condonación de débeda pública sen motivo, están dicíndolles ás familias galegas que prefiren pagar máis xuros aos bancos antes que investir en sanidade, educación e dependencia”, concluíu.