Silvia Longueira sinala que o PP reduce o número de comparecentes e limita a participación social nos traballos da Comisión
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Reforma do Himno de Galicia, Silvia Longueira, lamentou hoxe que o PP está a “perder unha oportunidade histórica” para acadar maior implicación da cidadanía na reforma do Himno de Galicia. Así o dixo no debate das normas de funcionamento da Comisión que tivo lugar hoxe no Parlamento e na que o PP impuxo a súa proposta, obrigando aos socialistas a absterse na votación.
O Grupo Socialista propuxera dar paso á participación de representantes do mundo social e cultural e “escoitar moitas outras voces” no proceso de adecuar o himno galego ao poema orixinal de Pondal, que permitira unha análise histórica profunda e dar paso aos expertos, dando ao himno o carácter de “símbolo que una e non exclúa”. A proposta dos socialistas galegos incluía a participación de filólogos, historiadores, musicólogos, sociólogos e artistas.
Así, propuxo escoitar a representantes do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, profesores das facultades de Socioloxía e de Ciencias Políticas, un representante da Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular e do catedrático da UDC Manuel Ferreiro Fernández.
A continuación prevía dar paso a un proceso de consulta pública para estudar propostas alternativas e finalmente a redacción da alternativa da letra, garantindo que sexa en galego normativo, inclusiva e coherente cos valores democráticos, pacifistas e progresistas. Longueira explicou que os socialistas abstivéronse pola negativa do PP a incorporar esta proposta.