
Carmen R. Dacosta cualifica os orzamentos de Emprego de Rueda de “continuístas e carentes de ambición”
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou que, en termos reais, o goberno galego destina hoxe a emprego menos que o goberno de Pérez Touriño en 2009. Dacosta interveu na comparecencia do conselleiro de Emprego para presentar os Orzamentos do seu departamento para 2026, que cualificou de “continuístas, carentes de ambición e nada innovadores”.
Advertiu que o goberno galego orzamenta para 2026 un total de 444 millóns de euros, só 23 millóns de euros máis que o último Orzamento do goberno de Pérez Touriño, pero tendo en conta a inflación acumulada deberían incrementalos en 116 millóns de euros só para manter o mesmo nivel de investimento real. “Unido a que non executan nin o 60 por cento dos fondos destinados a emprego, isto resume a parálise na xestión de políticas de emprego polo goberno galego.
Dacosta explicou que a Xunta está a deixar sen gastar un de cada tres euros en políticas activas de emprego, co que suma xa 2.400 millóns de euros que deixaron sen executar dende 2009, e como conclusión Galicia rexistra menos horas de traballo que en 2008, o que supón perder o equivalente a 111.000 empregos.
Subliñou que “non é falta de recursos, é a incapacidade de xestión” do PP a que está a lastrar o impulso do emprego en Galicia cun “estancamento histórico” mentres permanecen “instalados no anuncio e a inercia”. A realidade, resumiu, é que o goberno galego recorta fondos mentres presumen de orzamentos récord.
A parlamentaria socialista explicou que o fracaso da xestión nas políticas activas de emprego está detrás do “fracaso xeracional” do PP que supuxo a marcha de 80.500 mozos e mozas dende 2010 na busca de emprego. Ademais, alertou da falla de perspectiva de xénero nos orzamentos da Consellería, cando as mulleres seguen soportando o 75 por cento dos contratos a tempo parcial en Galicia.